A sondaxe a pé de urna de TVE e Forta outorga a vitoria ao PP co 26% dos votos e 114-118 escanos, cun forte descenso con respecto a 2011. Podemos (21% e 76-80 escanos) e PSOE (20% e 80-85 escanos) compiten polo segundo posto. Ciudadanos quedaría co 15,5% dos votos e 47-50 deputados
Fálase
#20D A deputada Eva Solla (AGE) denuncia que varios colexios pecharon en Vigo por falta de sobres.
#20D As provincias da Coruña e Pontevedra son dos poucos territorios do Estado nos que subiu a participación ata as dúas da tarde. Neste mapa podes consultar todos datos
O Ministerio do Interior comeza a ofrecer en rolda de prensa os primeiros datos de participación, correspondentes ás 14.00. A esa hora votara en España o 36,94%, un punto menos que en 2011. En Galicia a participación é do 33,31% medio punto máis que hai catro anos. Toda a información, nuns minutos en Praza.
A Policía Local de Oroso impide que unha muller vote lucindo reivindicacións a prol das persoas enfermas de Hepatite ou con dependencia, entre outras. Finalmente, exerceu o seu dereito con esas reivindicacións cubertas (imaxe: @onosolar)
#20D Vence (BNG) reclama unha “votación masiva” que lle "permita a Galiza ter unha presenza forte nas cortes españolas”. O voceiro nacional do Bloque estivo acompañado polo cabeza de lista de NÓS pola Coruña, Carlos Callón. "Espero que todos os galegos e galegas voten pensando en transformar as cousas e pensando en Galiza, como pensa tamén o BNG que forma parte da coalición NÓS-Candidatura Galega”, dixo.
#20D Feijóo (PPdeG) vota e pide "gobernabilidade para os próximos catro anos". O presidente da Xunta insta a que o voto "valla para ter un goberno que goberne porque hai moita tarefa por diante". "Hai moito traballo por facer", asegurou. Foto de @A3Galicia.
#20D Fernán Vello (En Marea) vota facendo "unha chamada á participación". O número 1 por Lugo de En Marea apela "á conciencia da cidadanía" nesta xornada electoral.
#20D Noa Presas (NÓS) vota en Ourense e indica que afronta a xornada co "optimismo, a alegría e toda a forza que recollemos durante a campaña". A cabeza de lista ourensá agarda unha "alta participación" nos comicios.
#20D Pilar Cancela (PSdeG) vota cun chamamento á "esperanza" no "cambio" e expresando o convencemento de que unha xornada como a de hoxe "reforza a democracia".