A Policía turca matou 16 persoas refuxiadas na fronteira en catro meses, segundo o Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos. A UE vén de acordar deportacións masivas de refuxiados a territorio turco. Cóntao Desalambre.
Fálase
O voceiro do BNG en Lugo traballará asistindo a persoas refuxiadas sirias en Grecia durante as súas vacacións. Rubén Arroxo colaborará cunha ONG local. Cóntao El Progreso
O déficit do Estado rematou 2015 no 5,16%, un punto máis do límite fixado pola UE.
O sector lácteo maniféstase ante a Xunta pola garantía da recollida e uns prezos dignos. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo denuncia a "grande estafa" tras o acordo asinado en setembro e os compromisos adquiridos coas distribuidoras en decembro. Iimaxe de @En_Marea.
Os terreos onde se localizaba a Cidade dos Muchachos, en Benposta, a piques de ser adquiridos por unha empresa de transporte, que presentou a única oferta na poxa celebrada onte. Sería o peche definitivo a un proxecto iniciado nos anos sesenta e que nas últimas décadas viviu un rápido ocaso, entre débedas millonarias.
Rivera teima en Onda Cero en que cómpre pactar co PP porque, pola súa maioría no Senado, é imprescindible para aprobar os Orzamentos de cada ano. No entanto, para aprobar os Orzamentos abonda coa maioría do Congreso, xa que o veto do Senado non impide sacalos adiante.
O Goberno de España en funcións confirmará hoxe que incumpriu o obxectivo de déficit para 2015. O desvío de 8 décimas a respecto do pactado con Bruxelas implicará que o vindeiro Executivo teña que aplicar recortes adicionais.
O Concello de Lugo aprobará este xoves os seus orzamentos cos votos a prol do PSdeG, o previsible apoio de Lugonovo e a abstención de BNG, ACE e Ciudadanos.
Sada disponse a pedir a declaración de zona catastrófica tras as fortes chuvias do mércores. Os asolagamentos levaron o colapso a cinco concellos da provincia da Coruña.
A partir das 20:50 poderá seguirse en directo a través da web da CRTVG a gala de entrega dos XX Premios María Casares de Teatro, que se celebra na Coruña. A gala emitirase en diferido na TVG2 ás 22:46