Fracasa a reunión na Casa Branca para evitar a suspensión de pagos. A administración quedará sen recursos a mediados de outubro
Fálase
A esta hora BNG e Anova manteñen unha xuntanza para explorar a posibilidade de concorrer en coalición ás eleccións europeas. O Bloque, a través de Xavier Vence, subliñou antes do encontro que non pactará con forzas de ámbito estatal.
Un grupo de expertos (integrado por fabricantes de gadgets, administración de aviación, aerolíneas, pilotos e fabricantes de aeronaves) vén de recomendar relaxar as normas de uso de dispositivos electrónicos nos avións. Se se aproba o seu informe, poderán usarse ebooks, móbiles e tabletas durante todas as fases dun voo.
A Xunta publica un comunicado conxunto dos "presidentes de Galicia". Albor, Laxe e Touriño amósanse dispostos a repetir a reunión de hoxe e a formular propostas concretas de "impacto transversal".
A Xunta difunde un vídeo coa chegada dos ex presidentes a Monte Pío e o seu pousado con Feijóo para a prensa gráfica. Non houbo lugar para preguntas dos medios de comunicación nin declaracións posteriores á xuntanza, que incluíu un xantar e durou unhas catro horas.
O debate de política xeral do Parlamento de Galicia celebrarase entre os días 15 e 17 deste mes. É o primeiro da novena lexislatura.
Berlusconi pídelles agora aos deputados do seu partido que voten a favor da continuidade de Letta. Cambia de estratexia ante unha previsible derrota, provocada polas numerosas desercións de representantes do PDL, que anunciaran a súa intención de apoiar o Goberno na moción de confianza proposta.
Marcus Fernández analiza no seu blog "un día vergoñento para El Correo Gallego", en referencia á ausencia de informacións neste xornal sobre a condena ao ex alcalde compostelán Gerardo Conde Roa. Unha nova que non figura na súa portada, ao contrario que outro fío sobre o caso Asunta: "Uno de los que halló el cadáver de Asunta iba “bolinga” perdido".
O Consello de Contas ratifica "falta de control" na Xunta por desprazar facturas de 2010 ao exercicio de 2011. O mesmo informe acredita unha inxección de 15 millóns de euros nos medios durante ese mesmo ano.
Organizacións feministas reclaman a retirada do anuncio co que a Academia de Publicidade "homenaxea" a RAE no seu terceiro centenario. Sinalan que a montaxe é "sexista e discriminatoria".