"Aprobas unha coalición electoral con Podemos e outras forzas?" é a pregunta que Izquierda Unida realizará aos seus máis de 70 mil militantes e simpatizantes entre o 2 e o 4 de maio, para validar o proceso negociador cara a unha candidatura de confluencia. O 13 de maio é o derradeiro día para rexistrar as coalicións que concorrerán ás eleccións.
Fálase
O PSdeG celebrará as primarias para a presidencia da Xunta a finais de maio. Máis información, hoxe en Praza.
Eurovisión prohibirá a exhibición de ikurriñas no recinto onde se celebra o festival, que terá lugar dentro de dúas semanas en Suecia. A bandeira vasca é unha das nove vetadas, xunto coas do Estado Islámico, Palestina ou Kosovo. PNV e Bildu xa solicitaron unha rectificación
Metroscopia analiza a axustada loita polo derradeiro escano en varias circunscricións, de cara á repetición electoral do 26X. En decembro, 17 deputados/as decidíronse por menos dun 1% dos votos e outros 11 (entre eles o último posto por Pontevedra) a diferenza estivo entre 1 e 2 puntos.
Ferrol en Común celebra esta tarde (19 horas, Centro Cultural Carvalho Calero) unha asemblea aberta de análise e valoración do pacto de goberno que mantén con PSdeG-PSOE, para ratificalo ou abandonalo. O alcalde, Jorge Suárez, levará unha proposta na que avoga por "cumprir o programa político co PSOE"
Centos de milleiros de persoas manifestáronse onte en Francia en contra da reforma laboral do Goberno de Hollande. Hai 120 persoas detidas. É a sétima mobilización en dous meses e medio. O debate parlamentario sobre a norma comeza a semana que vén.
As oito comunidades gobernadas polo PSOE, ademais de Cataluña, votan contra os obxectivos de déficit fixados por Montoro para 2017, 2018 e 2019. O rexeitamento non ten consecuencias prácticas.
Madrid acolleu unha representación da obra La Bruja y Don Cristóbal, que hai uns meses levou a dous titiriteiros a pasar cinco días en prisión. O acto, que buscaba denunciar a lei mordaza, foi organizado por Teatro del Barrio, Público e CTXT, e nel amosouse de novo a faixa de "Gora Alka ETA"
Ataque Escampe denuncia que a TVG "censurou" unha das súas cancións no programa Musigalité. Eliminou un verso dun dos seus temas onde se facía alusión aos "paraísos fiscais" e ao PP, segundo denuncian na súa páxina de Facebook.
PP e PSOE votan en contra da comisión de investigación de Angrois no último pleno da investidura. Máis información, esta mañá en Praza.