A esta hora preséntase en Compostela a entidade resultante da compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco. Como transcendera hai días, os restos das caixas galegas operarán co nome comercial de Abanca.
Fálase
A Sala do Civil e Penal do TSXG recibe a exposición razoada da xuíza Pilar de Lara sobre Paula Prado por se os feitos "puidesen ser constitutivos de infracción penal" no marco do caso Pokémon. Agora a Fiscalía terá que elaborar un informe ao respecto.
Rajoy reúnese co ditador de Guinea Ecuatorial, Teodoro Obiang. O presidente español vai participar no cumio da Unión Africana que se celebra no país, onde son reiteradas as denuncias por violacións dos dereitos humanos e a acumulación de riqueza dos seus dirixentes.
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto convoca concentracións nas sete cidades e na Mariña para a xornada na que a contrarreforma sexa aprobada no Consello de Ministros, algo que previsiblemente acontecerá este venres.
Os portavoces dos grupos da oposición no Parlamento veñen de entregarlle un escrito á presidenta, Pilar Rojo, no que protestan pola reiterada falta de resposta ás súas preguntas por parte do presidente da Xunta nas sesións de control. Lembran a obriga de Núñez Feijoo de responder as cuestións da oposición, "no canto de inverter os roles e erixirse en interpelante da mesma"
Galicia, Mellor Sen Touradas superou xa as cen mil sinaturas (104.439) pedindo a fin das touradas na Coruña. A plataforma subliña "o grande interese" que está a recoller a proposta para confluir nunha “Fronte Antitaurina” programática nas vindeiras eleccións municipais de 2015.
O Parlamento aproba por unanimidade o impulso ao dominio.gal e comprométese a sumarse á súa fase pioneiros, que traerá consigo os primeiros sitios co dominio galego o vindeiro Día Nacional de Galicia.
O Concello de Ferrol contratou dúas veces Sermasa, empresa do Grupo Véndex, e concedeulle dúas prórrogas. A compañía xestionou o Teatro Jofre entre 2005 e 2012.
Urbaser despide 11 dos traballadores de recollida do lixo que dende hai 15 días se manteñen en folga en Lugo. Ademais, suspende de emprego e soldo outros 66, acusándoos de non cumprir os servizos mínimos. Os sindicatos acusan a empresa de "dinamitar" as negociacións e pídelle ao Concello que rescinda o seu contrato.
Julio Flores, portavoz do goberno municipal da Coruña e imputado por un posible delito de suborno, descarta dimitir e asegura que Negreira lle pediu que manteña "a cabeza fría"