Difúndense concentracións solidarias coas vítimas nas estacións de tren de toda Galicia ás 20.42.
Difúndense concentracións solidarias coas vítimas nas estacións de tren de toda Galicia ás 20.42.
Stéphane M. Grueso analiza o tratamento dado polos medios de comunicación á traxedia de Compostela denunciando "os magazines das televisións" que "se están esforzando en amosar todo o que poden" na súa "habitual pelexa pola audiencia". E conclúe "Hai que informar? Si. Hai que facelo rápido? Tamén. Pero é responsabilidade dos medios e de cada un de nós facelo o mellor posible. E, dende logo, neste caso respectando a intimidade e dor das familias"
A Xunta informa de que 53 dos 80 falecidos xa foron identificados ao igual que todos os feridos. Hai 94 ingresados, 31 en estado crítico e catro deles son nenos. "Non se descarta que poidan aparecer novas vítimas", asegura Alfonso Rueda. Máis información, nuns minutos en Praza.
As familias critican a lentitude no proceso de identificación das vitimas. Algúns medios comezan a publicar listaxes de falecidos.
Falece o pintor Xaime Cabanas, segundo adianta La Voz. Semella que morreu por causas naturais na súa casa.
A Delegación do Goberno eleva a 80 o número de víctimas mortais
O gabinete que xestiona a catástrofe advirte de que non se precisan psicólogos voluntarios ao estar cubertas as necesidades, aínda que agradece a axuda ofrecida.
Manuel Bragado repasa no seu blog as sensacións e a cadea de feitos provocados pola traxedia. Destaca "a entrega aos heroes do 24X: traballadores públicos sanitarios, de seguridade e emerxencia, como da xenerosidade da veciñanza de Angrois" e a cobertura dalgúns medios de comunicación. E critica "o pobrísimo papel da TVE e das cadeas privadas xeralistas estatais, que continuaron coa súa programación coma se nada sucedese". Conclúe que "a traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas".
Canda ao vídeo que amosa as imaxes do descarrilamento, e que está a dar a volta ao mundo, comezan a compartirse nas redes sociais outras gravacións de como circulan habitualmente os trens no lugar no que tivo lugar o accidente e nas que se advirte que a velocidade de entrada á curva é moi inferior.
Nas últimas horas son innumerables as mensaxes de apoio chegadas dende todo o planeta. O presidente francés François Hollande expresou a total solidariedade de Francia. Tamén o presidente ruso Vladímir Putin enviou as súas condolencias, o mesmo que o Papa Francisco. E tamén a Organización para a Liberación de Palestina (OLP) e Israel.