O plan de recortes aos funcionarios aprobarase no Parlamento por vía de urxencia. Quedará definitivamente aprobado o martes día 28 deste mes.
Fálase
A Xunta resta importancia ao feito de que o delegado do Goberno galego en Ourense, Rogelio Martínez, acudise a un partido de fútbol a Madrid en plena vaga de lumes na provincia en outubro. Nunha resposta a unha pregunta escrita formulada polo socialista Lage Tuñas, a Xunta cre que a "breve ausencia" do delegado non supuxo un deterioro da coordinación dos servizos de emerxencia.
Este martes debátese no Congreso unha proposición non de lei (PNL) do BNG en relación ao naval galego, tanto dos estaleiros públicos como privados. O líder de Esquerda Unida en Vigo, Rubén Pérez, publica no seu blog algúns apuntamentos sobre o sector e a súa relevancia na área metropolitana da cidade olívica.
O Goberno de Mariano Rajoy vén de publicar un anuncio de licitación por case tres millóns de euros (prorrogables a cinco millóns) en servizos de publicidade. Moncloa quere facer unha campaña de "proximidade, recoñecemento e apoio ao recrutamento" das "Forzas Armadas". Está na plataforma de contratación do Estado.
O primeiro ministro de Rusia, Vladimir Putin, promete un "rearmamento sen precedentes na historia do país". En plena campaña electoral, o líder político transmite ao público que “esta era esixe unha política determinada de reforzamento do sistema de defensa aérea e espacial do país”. Recólleo o diario portugués Público
O secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, asegura que a reforma laboral xa se aplica en novos convenios, despedimentos e rebaixa de salarios, sobre todo no terceiro sector. O sindicalista galego reclama a "reacción inmediata" de Moncloa tras as protestas de onte en todo o Estado. Na Cadena Ser
María Dolores de Cospedal, reelixida secretaria xeral do PP, nega que haxa unha campaña mediática contra as centrais sindicais. A tamén presidenta de Castilla la Mancha insiste en que "non hai" un rexeitamento maioritario á reforma laboral malia ás concorridas mobilizacións deste domingo. En Público
A forza da súa divisa e o lamentable estado da economía global volveu provocar que Xapón rexistrase déficit comercial negativo por cuarto mes consecutivo. As vendas no exterior son o alicerce da economía deste país. O déficit supera os 14.000 millóns que, non obstante, é menos da metade do español. En Invertia
Hoxe o "día da decisión" sobre o segundo rescate grego. Así titula, polo menos, a axencia Reuters. Os ministros de finanzas da eurozona reúnense hoxe para dar o visto e prace ao novo paquete de medidas de recorte aprobadas por Atenas. A experiencia das últimas semanas, nas que a UE retrasa todo, dinos que non hai que descartar un novo adiamento dos prazos. Máis información
A consultora KPMG alerta do incremento nun 50% en só oito anos (do 2002 ao 2010) dos custos empresariais derivados do cambio climático global e sinala que, se as empresas pagasen integramente os custos medioambientais da súa produción, os seus beneficios diminuirían un 41%. O informe recomenda tomar medidas decididas para frear o cambio climático tanto no ámbito empresarial como na colaboración entre as industrias e os poderes públicos. Resumo en EFEverde e relatorio íntegro en inglés.