Os deputados provinciais do PSdeG-PSOE en Lugo reúnense de urxencia esta mañá para buscar un acordo co BNG que permita manter o goberno da Deputación, tralo reiterado veto dos nacionalistas a Manuel Martínez, alcalde de Becerreá. Os socialistas poderían propoñer hoxe un nome alternativo. De non haber acordo, a alcaldesa de Mondoñedo Elena Candia (PP) sería a presidenta.
Fálase
A Fiscalía de Pontevedra investiga a Espectáculos Lito, responsable das orquestras Panorama ou París de Noia, por unha posible fraude fiscal que roldaría os 9 millóns de euros. O propietario da empresa non tería declarado 46 dos 50 millóns que ingresou entre 2011 e 2012
O TSXG confirma a maioría absoluta do PSdeG-PSOE en Caldas de Reis ao aceptar dúas papeletas socialistas que foran impugnadas polo PP. En Ordes o tribunal outórgalle a vitoria ao PP sobre UXO por sete votos e un edil de diferenza, ao desestimar un recurso deste grupo independente.
El Diario analiza as dificultades que está atopando Tsipras no seo da propia Syriza, despois de verse obrigado o Goberno grego a realizar importantes cesións ante a troika para garantir a liquidez. Público destaca que unha parte importante da débeda grega procede dun disparatado gasto militar na última década, con millonarios contratos en beneficio de Francia ou Alemaña
Pablo Iglesias e Alberto Garzón reuniranse este mércores para "falar das perspectivas de ambas organizacións de cara ás próximas eleccións xerais"
Ao redor de 150 mil persoas festexaron o San Xoán na Coruña. A celebración encheu de cacharelas toda Galicia e, por exemplo, tamén Panxón (Nigrán) se encheu de xente, con máis de 20 mil paticipantes
Ferrol en Común e PSdeG presentan a composición do novo goberno ferrolán, que definen como un gabinete "cohesionado" e "estable". Recólleo Ferrol 360
O Concello da Coruña paralizará os desaloxos dos veciños de Elviña afectados polo Ofimático e que provocaran unha forte resistencia cidadá na cidade. O goberno da Marea Atlántica anuncia que buscará unha modificación do plan para unha conexión alternativa que evite problemas aos veciños e cooperativistas logo de reunirse coa plataforma Elviña Non se Vende.
O FROB envía á Fiscalía outras catro operacións de Novacaixagalicia que xeraron perxuízos económicos por 170 millóns de euros.
A asemblea do BNG de Lugo aproba non entrar no Goberno local que encabeza Lara Méndez. "Aínda que non formemos parte do goberno traballaremos construtivamente co goberno", di o seu responsable local, Alexandre Penas.