López Obrador solicitará ante os tribunais a invalidez das eleccións mexicanas. O líder do PRD, que pedirá este xoves que se anulen os resultados, acusa o PRI de mercar 5 millóns de votos. O propio presidente Felipe Calderón cualificou de "inaceptable" a compa de votos, pero considera que non é motivo abondo para anular os comicios, por mor da diferenza coa que se impuxo Peña Nieto.
Fálase
Un corredor sen medalla por competir coa selección catalá. Cóntao Vilaweb.
José Luis Méndez seguirá sendo fillo predilecto do Concello da Coruña. O Goberno municipal nin sequera admitiu que se debatese no pleno a moción presentada polo BNG que solicitaba a retirada da distinción, por mor da súa xestión á fronte de Caixa Galicia e de escándalos coma o das participacións preferentes ou o cobro dunha indemnización de 16,5 millóns de euros pola súa xubilación.
Ás oito da tarde comeza en Ferrol unha asemblea cidadá convocada polo Comité Cidadá de Emerxencia para analizar a sentenza do Tribunal Supremo contra a planta de gas de Reganosa e aprobar accións de protesta. Tamén se organizará a marcha a pé que o 20 de xullo unirá Ferrol e Mugardos para reivindicar o traslado da planta a outra localización.
As sociedades de dereitos de autor coma a SGAE están "esgotadas", segundo Lawrence Lessig, profesor de Harvard e creador do Creative Commons. Lessig asegurou esta mañá en Barcelona que "estas sociedades foron unha maneira moi eficaz de protexer os autores dende o século, pero hai que probar outros modelos para ver cal é o que funciona"
O Concello de Vigo confirma que á súa primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, "se lle detectou nas últimas horas un problema de saúde cuxa gravidade está aínda por determinar" que "a manterá de baixa durante un tempo"
O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, avanza a inminente suba do IVE. Nun curso de verán da Universidade Complutense salienta que a taxa que se paga en España está por debaixo da doutros países europeos e asegurou que "estamos nun tránsito cara a unha fiscalidade menor para o traballo e maior no ámbito indirecto".
ETA acusa o Goberno de "paralizar e obstaculizar" o proceso de paz e critica en concreto a política de presos e reinserción, nun comunicado remitido a Gara e Naiz.info. A organización terrorista tamén censura as actitudes de PSOE e PNV, ao tempo que asegura que está "redobrando esforzos para abrir vías de diálogo"
A Mocidade Nacionalista Galega (MNG) lanza un concurso de cartaces para unha campaña de afiliacións que comezará en breve. Pódense enviar as propostas até o 29 de xullo.
A prima de risco supera os 570 puntos no inicio da mañá e os xuros dos bonos españois están por riba do perigoso 7%.