Dous mozos foron expulsados dun mítin de Rick Santorum, candidato a liderar o Partido Republicano dos EUA, despois de darse un bico durante o acto. Santorum, un ultraconservador que asegura que non hai máis familia que a "tradicional", estaba falando dos "fogares de verdade" pouco antes de ser interrompido. A partir do minuto 3:30
Fálase
Lanzan un blog, 29M Huelga General sin Miedo, para denunciar as empresas que se prevé que poden dificultar ou impedir o dereito dos traballadores á folga. Na base de datos, de construción colaborativa, figuran neste momento 26 empresas galegas.
Un colectivo de militantes nacionalistas do Val Miñor (dos concellos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia) constitúen un grupo de base para a separación do BNG "en boa avinza" e a promoción dun "novo proxecto común". Así mesmo, lanzan un texto coas conclusións das súas conversas.
Este é o aspecto que amosa a evolución do índice de clima industrial de Galicia. Os datos foron recompilados polo servizo de estudos da Fundación Barrié. A táboa é de elaboración propia
O tribunal de Xustiza da UE dálle a razón a CCOO sobre o cobro de sexenios polo profesorado interino. Como explica a central, o tribunal europeo vén de ditar un Auto que "outorga a razón á demanda tramitada por CCOO, declarando a mesma retribución por formación (sexenios) para os docentes interinos que para os funcionarios de carreira". Neste enlace tedes máis información
Isabel Coixet rodará un documental sobre a catástrofe do Prestige, adianta o xornalista Gregorio Belinchón, o especialista en cinema de El País.
Evangélos Venizelos, que até o de agora era ministro de Finanzas de Grecia, abandona o seu cargo para liderar o partido Pasok. Venizelos adquiriu fama a nivel mundial por ser a persoa que executou as medidas de axuste reclamadas pola troika ao Executivo de Atenas. O Pasok está en terceiro lugar no ranking de estimación de voto para os comicios xerais helenos. Nova
O investimento na Fundación Vasca para a Ciencia, Ikerbasque, dá os seus froitos: captou máis de 40 millóns de euros de programas europeos para investigación, abriu seis centros de investigación de excelencia (e abrirá tres máis este ano) e só entre xaneiro e febreiro máis de 500 científicos solicitaron incorporarse ao proxecto.
Attac critica o decreto-lei de medidas urxentes de protección de debedores hipotecarios sen recursos e considera que poucas persoas se poderán acoller a el, que ademais non incopora fórmulas para forzar ás entidades bancarias a aplicalo.
Faltan tres días para a folga xeral convocada en Portugal, que terá lugar unha semana antes da que se vai desenvolver en Galicia. A CGTP ultima os detalles da xornada e anima aos traballadores lusos cun vídeo reivindicativo. O sindicato habilitou unha web para canalizar toda a información sobre a folga a través dela.