Alberto Núñez Feijoo amósase crítico nunha entrevista en RNE coa reforma do aborto proxectada polo ministro Gallardón. Afirma que "non me gustaría que as mulleres crucen a fronteira para facer algo que aquí non se admite" e sinala que un aborto é un "fracaso", pero "unha cousa é que sexa un fracaso e outra é que se inclúa nun Código Penal".
Fálase
Medra o tempo de espera para operarse en Galicia, pasando dos 83,4 días de hai un ano até os actuais 84,2 días, segundo as cifras feitas públicas hoxe pola Consellaría de Sanidade. Este incremento prodúcese mesmo nas enfermidades máis graves, nas que a espera media pasa dos 17,2 días aos 18,3.
O Goberno rebaixará o IVE cultural do 21% ao 10% pero só para as entregas de obxectos de arte, "unha medida de apoio" a autores de pinturas, galerías coleccionistas, anticuarios e marchantes.
Co gallo do 50 aniversario do Facho, Montse Dopico entrevista o seu actual presidente, Xosé L. Rodríguez Pardo, que destaca que “o asociacionismo cultural contribuíu á chegada da democracia ao manter as teses galeguistas”
Os datos da EPA coñecidos onte revelan que a situación da comarca de Ferrol segue empeorando, cos peores inidicadores de desemprego e actividade de toda Galicia. A taxa de paro sitúase no 31,9%, dez puntos por riba da media do conxunto de Galicia, e só tres de cada dez persoas figuran como "ocupadas", sete puntos menos que hai un ano e a quince puntos da seguinte cidade galega con menor taxa de ocupación, Vigo.
O PSdeG expulsa o edil socialista que apoiou a moción de censura da Mezquita, que se debaterá o vindeiro 3 de febreiro. O alcalde, Rafael Pérez (BNG) confía en que se anule o voto do tránsfuga, o que detería a moción.
A Universidade de Vigo celebrará eleccións o 1 de abril. O reitor Salustiano Mato buscará repetir a vitoria obtida hai catro anos e, de momento, ningún outro candidato confirmou a súa disposición a presentarse.
Máis de mil mulleres do mundo da cultura asinan un manifesto contra a reforma do aborto. O documento, apoiado por Maribel Verdú, Pepa Bueno, Elvira Lindo, Almudena Grandes, Iciar Bollain ou Aitana Sánchez Gijón, cualifica a nova lei como "unha ameaza para a dignidade das mulleres".
"Nós non desenvolvemos este medicamento para os indios, desenvolvémolo para os pacientes occidentais que poden pagalo". As palabras do conselleiro delegado de Bayer, Marijn Dekkers, nunha entrevista na que rexeita os proxectos da India para producir xenérico asequibles para a súa poboación están a xerar unha gran polémica e xa foron denunciadas por Médicos Sen Fronteiras.
O ministro do Interior asegura que Santa Teresa de Jesús, falecida en 1582, "intercede para España" nestes "tempos recios". Afirmouno nun discurso na feira Fitur que recolle El Diario