A produción industrial cae un punto en Galicia e acumula un aumento do 2,9% de media no que vai de ano. A caída é case oito puntos menor á do Estado.
Fálase
As palabras de Feijoo indignan os deputados e deputadas da oposición e Pilar Rojo ameaza con suspender o pleno ante as protestas.
Feijoo continúa dedicando máis tempo a falar do goberno bipartito, das fotos de Anxo Quintana e do concurso eólico que do escándalo das súas relacións con Marcial Dorado. "Téñolle máis respecto a Quintana e a Touriño que os seus propios partidos", di.
Na súa réplica Feijoo sitúase no papel de vítima: "Vostedes veñen aquí a acusarme, eu veño darlle explicacións ao meu pobo". E recunca nas súas acusacións ao Bipartito de "concederlle subvencións ás empresas de Dorado".
Pachi Vázquez pídelle a Feijoo que dimita "para que Galicia non teña que cargar con esas fotos".
Pachi Vázquez lémbralle a Feijoo "o motivo polo que está aquí". Constata a imposibilidade de que non coñecese as actividades de Dorado e pregúntalle por que lle presentou a súa dimisión a Fraga en 2003 por mor das fotos co narco. Acúsao de "rir" de todos os galegos.
Beiras di que Feijoo "insulta" a oposición e a cidadanía, sobre todo as persoas que sufriron os efectos da droga e da sida. "Se vostede non sabia o que pasaba no pais, que capacidade ten para gobernalo?, pregunta, e conclúe: "Vostede é a indecencia feita persoa. Actúa pola cobiza do poder".
Xosé Manuel Beiras comeza a súa intervención afirmando que antes da sesión sentia "noxo" por ter que "tratar cuestións morais" no Parlamento, pero que despois das evasivas palabras de Feijoo sente "indignación".
Jorquera pecha a súa intervención afirmando que "unha persoa que mente non é digna que dirixir este pais". A presidenta do Parlamento cortoulle o micrófono nos últimos instantes por entender que superara o tempo previsto.
Francisco Jorquera comeza a súa intervención lembrándolle a Feijoo que acudiu ao Parlamento "arrastrado pola oposición". Amósalle unha foto da xeración perdida de Vilanova de Arousa e afirma que seis dos seis rapaces que aparecen na imaxe morreron "mentres vostede reuníase co seu executor, Marcial Dorado"