O PP non accede a suspender o pleno do Parlamento aínda que o PSdeG se sumou ás peticións de convocar unha Xunta de Portavoces urxente polas protestas do cerco e as cargas policiais. Mentres, a nacionalista Montse Prado diríxese a Urxencias tras sufrir danos por parte da Policía, segundo confirman fontes do Bloque. Máis información, esta tarde en Praza.
Fálase
AGE e BNG abandonan o pleno do Parlamento tras solicitar a suspensión da sesión e a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces polas cargas policiais contra os mariñeiros do Cerco que protestan no exterior da Cámara. (Foto: @GZContrainfo). O PSdeG súmase á petición de suspensión do pleno.
A policía carga contra os mariñeiros do cerco que se manifestan ante o Parlamento en Compostela. Os manifestantes colocaron barricadas e lanzan pedras contra os antidisturbios. Hai varias persoas detidas e cinco representantes permanecen pechados no Parlamento. Imaxe de @eva_solla.
O Parlamento aproba por unanimidade a ILP Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa. Máis información, esta tarde en Praza.
A rede de colectivos contra a minaría destrutiva ContraMINAcción denunciou a empresa Cementos Cosmos por reiniciar actividades na mina a ceo aberto en Vilavella (Triacastela) o pasado sábado, saltando a orde de paralización de actividades por carecer de licenza urbanística que existe desde setembro. ADEGA, a Asociación sociocultural O Iribio e Asociación veciñal Monte Caldeirón denunciaron hai dous anos que Cosmos ocupou ilegalmente un monte comunal no lugar, moi próximo á Cova Eirós.
A Policía cerca a protesta de cargos públicos contra o canon de Sogama e empurra o grupo de manifestantes. Cando se dispón a chegar ao Parlamento a mobilización da flota do cerco, o BNG denuncia que a deputada Tereixa Paz foi "golpeada" polos axentes e o seu portavoz nacional, Xavier Vence, foi empurrado. (foto: @blasgarcia)
Alcaldes e edís de múltiples puntos de Galicia maniféstanse a esta hora diante do Parlamento para rexeitar a suba do canon de Sogama (foto: Anova)
O PP veta a creación dunha comisión de investigación sobre o fracaso de Alimentos Lácteos, solicitada por toda a oposición parlamentaria.
Dolores Vilavedra é entrevistada por César Lorenzo Gil en Biosbardia. A profesora salienta que “a literatura galega actual quedou sen líderes de referencia” e que “no mundo das letras imperan o autoengano e a compracencia”
Lourenzo Fernández Prieto confirma que non se presentará ás eleccións a reitor da USC, unha carreira na que polo de agora só concorren Juan Viaño e Antonio López.