O Consello de Ministros aproba este venres o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, para os que polo momento só ten garantido o apoio de Ciudadanos, cuxo líder, Albert Rivera, enxalza as contas porque non "meten a man no peto da clase media", di.
Fálase
Red Eléctrica defende o nomeamento de Fernández de Mesa porque para estar no seu Consello non cómpre "ser súperexperto". Recólleo Faro de Vigo
O Concello de Madrid comprométese a corrixir a toponimia galega deturpada no seu rueiro a petición dun cambadés. Cóntao eldiario.es
A Xunta aproba o novo Plan de Igualdade 2017-20 máis dun ano despois do remate do anterior para o período 2013-15. O Goberno galego cuantifica o documento en 391 millóns, que inclúen medidas xa en marcha e outras como o programa de detección precoz dos cancros xinecolóxicos.
O Concello da Coruña asumirá a xestión do Teatro Colón en 2018. Dende xuño deste ano, cando remata a concesión á empresa Eulen, o recinto cultural será asumido transitoriamente pola Deputación coruñesa. Cóntao Radio Coruña
A Xunta envía ao Parlamento a lei de protección e benestar dos animais. Como avanzara na aprobación do anteproxecto, hai un ano, a norma inclúe avances como a prohibición dos circos con animais ou das mutilacións como o corte de orellas nos cans, pero evita estendela ás touradas.
Falece Paco Souto, edil do BNG en Malpica, mentres traballaba como percebeiro en Razo. Souto era tamén poeta e un activo membro de numerosas entidades culturais. O Bloque vén de transmitir "a súa profunda dor polo pasamento do compañeiro Paco Souto" e "condolencias a familiares e amigos, en particular a súa compañeira, Enma".
Cassandra Vera, condenada a un ano de cadea por chistes sobre Carrero Blanco, sinala na Radio Galega que a condena "estragoume a vida", anuncia que a recorrerá e denuncia a "persecución de opinións". Afirmouno nunha entrevista no programa Galicia por Diante
Adif adxudica o cambiador de ancho que permitirá empregar outros 111 quilómetros de AVE entre Zamora e Sanabria. Ten un prazo de execucion de 13 meses, pero Fomento e Adif veñen contradicíndose sobre a data na que os trens se poderán beneficiar del e recortar outra media hora na viaxe a Madrid.
O cura de Xermade di que el inspirou o cartel de Entroido da Coruña. Luis Ángel Rodríguez Patiño asegura que a ilustración lembra á broma gastada por el para denunciar as fochancas nunha estrada. Ademais, pídelle á Asociación de Viúvas de Lugo que "non sexa máis papista que o Papa". O concelleiro de Culturas da Coruña foi imputado polo cartel, polo que tamén reprendeu a Xunta ao Concello.