A Xunta aproba o novo Plan de Igualdade 2017-20 máis dun ano despois do remate do anterior para o período 2013-15. O Goberno galego cuantifica o documento en 391 millóns, que inclúen medidas xa en marcha e outras como o programa de detección precoz dos cancros xinecolóxicos.
Fálase
O Concello da Coruña asumirá a xestión do Teatro Colón en 2018. Dende xuño deste ano, cando remata a concesión á empresa Eulen, o recinto cultural será asumido transitoriamente pola Deputación coruñesa. Cóntao Radio Coruña
A Xunta envía ao Parlamento a lei de protección e benestar dos animais. Como avanzara na aprobación do anteproxecto, hai un ano, a norma inclúe avances como a prohibición dos circos con animais ou das mutilacións como o corte de orellas nos cans, pero evita estendela ás touradas.
Falece Paco Souto, edil do BNG en Malpica, mentres traballaba como percebeiro en Razo. Souto era tamén poeta e un activo membro de numerosas entidades culturais. O Bloque vén de transmitir "a súa profunda dor polo pasamento do compañeiro Paco Souto" e "condolencias a familiares e amigos, en particular a súa compañeira, Enma".
Cassandra Vera, condenada a un ano de cadea por chistes sobre Carrero Blanco, sinala na Radio Galega que a condena "estragoume a vida", anuncia que a recorrerá e denuncia a "persecución de opinións". Afirmouno nunha entrevista no programa Galicia por Diante
Adif adxudica o cambiador de ancho que permitirá empregar outros 111 quilómetros de AVE entre Zamora e Sanabria. Ten un prazo de execucion de 13 meses, pero Fomento e Adif veñen contradicíndose sobre a data na que os trens se poderán beneficiar del e recortar outra media hora na viaxe a Madrid.
O cura de Xermade di que el inspirou o cartel de Entroido da Coruña. Luis Ángel Rodríguez Patiño asegura que a ilustración lembra á broma gastada por el para denunciar as fochancas nunha estrada. Ademais, pídelle á Asociación de Viúvas de Lugo que "non sexa máis papista que o Papa". O concelleiro de Culturas da Coruña foi imputado polo cartel, polo que tamén reprendeu a Xunta ao Concello.
Arquivada a imputación de Xosé López Orozco, ex-alcalde de Lugo, nunhas pezas da Pokémon. O xuíz ditamina o sobresemento para o político socialista e outras catro persoas investigadas por contratos como o da antiga fábrica da luz. Cóntao El Progreso
O acordo de emprego público asinado polo Goberno e os sindicatos permitirá que máis de 13 mil interinos se convertan en fixos nos vindeiros tres anos en Galicia. 7.660 son empregados do Sergas, 4.359 de ensino non universitario, 633 da administración central autonómica, 253 traballadores de universidades e 238 de xustiza. O obxectivo é reducir a interinidade do 25% ao 8%
A condena a Cassandra enfronta os xuíces sobre os límites á liberdade de expresión en redes sociais. Os maxistrados non teñen un criterio claro