Sarria terá, finalmente, alcaldesa do PSdeG-PSOE. Pilar López desaloxa do poder ao PP, grazas aos votos de CxG e BNG. As dificultades nas conversas mantiveron a incerteza ata o último momento. Tamén haberá cambio de goberno en Baños de Molgas, que terá alcalde do BNG co apoio do PSdeG-PSOE. Pola contra, en Ramirás o PP manterá o poder, ao rexeitar o Bloque apoiar a candidata presentada polos socialistas.
Fálase
- Noriega promete o cargo como alcalde de Santiago lembrando a Ánxel Casal e a Maruxa e Coralia, represaliadas polo franquismo
Jorge Suárez (Ferrol en Común) convértese en alcalde de Ferrol, cos votos do seu grupo, do PSdeG-PSOE e BNG; PP e C's votaron polos seus candidatos. Tanto o salón de plenos coma a sala anexa habilitada para seguir a toma de posesión enchéronse varios minutos antes do seu comezo. Pódese seguir o acto de investidura en streaming.
- Martiño Noriega xa é o novo alcalde de Santiago tras recibir os votos de Compostela Aberta e o BNG. O PSdeG abstívose e o PP votou por Hernández.
Manuela Carmena (Ahora Madrid) é xa alcaldesa. En Valencia, tamén Joan Ribó (Compromís) foi investido como novo rexedor.
Xulio Ferreiro promete "un tempo novo" na Coruña e no Concello, que "deixa de ser un coto privado" e "pasa a converterse nunha ferramenta ao servizo das persoas e deixa de ser o patio traseiro dos señores da desigualdade". O novo alcalde aposta por "un goberno da xente e unha nova maneira de gobernar". "A praza debe entrar no pazo e o pazo na praza, en todas as prazas", dixo.
Ás 12 comezarán os actos de toma de posesión e investidura en Compostela e Ferrol, onde Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Jorge Suárez (Ferrol en Común) se converterán en alcaldes. A sesión do pleno municipal compostelán pódese seguir en directo neste enlace, o mesmo que a de Ferrol.
Jesús Vázquez (PP) convértese no novo alcalde de Ourense, despois de que tanto Democracia Ourensana, PSdeG-PSOE e Ourense en Común votasen os seus propios candidatos.
As primeiras tomas de posesión do día van desvelando algunhas das incógnitas que aínda se mantiñan nalgúns concellos. Oia terá alcaldesa socialista, co voto de Converxencia Galega. Tamén gobernará o PSdeG-PSOE no Porriño, grazas ao apoio no último momento dun grupo independente. En Ourol, a pesar de que se anunciara un acordo entre PP e CxG, a número 2 dos populares optou por apoiar o candidato do PSdeG, que se converte en alcalde. En Padrón gobernará o PP en minoría, con 5 dos 13 concelleiros. E en Coristanco, o rexedor será de Terra Galega, co apoio do PSdeG.
Os concelleiros da Marea Atlántica prometen "poñer o Concello aos servizos dos coruñeses e coruñesas" e "por imperativo legal" lealdade ao Rei. Todos prometen "tamén" cumprir "o programa e o código ético da Marea e os principios de transparencia e participación cidadá"