Xulio Ferreiro promete "un tempo novo" na Coruña e no Concello, que "deixa de ser un coto privado" e "pasa a converterse nunha ferramenta ao servizo das persoas e deixa de ser o patio traseiro dos señores da desigualdade". O novo alcalde aposta por "un goberno da xente e unha nova maneira de gobernar". "A praza debe entrar no pazo e o pazo na praza, en todas as prazas", dixo.
Fálase
Ás 12 comezarán os actos de toma de posesión e investidura en Compostela e Ferrol, onde Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Jorge Suárez (Ferrol en Común) se converterán en alcaldes. A sesión do pleno municipal compostelán pódese seguir en directo neste enlace, o mesmo que a de Ferrol.
Jesús Vázquez (PP) convértese no novo alcalde de Ourense, despois de que tanto Democracia Ourensana, PSdeG-PSOE e Ourense en Común votasen os seus propios candidatos.
As primeiras tomas de posesión do día van desvelando algunhas das incógnitas que aínda se mantiñan nalgúns concellos. Oia terá alcaldesa socialista, co voto de Converxencia Galega. Tamén gobernará o PSdeG-PSOE no Porriño, grazas ao apoio no último momento dun grupo independente. En Ourol, a pesar de que se anunciara un acordo entre PP e CxG, a número 2 dos populares optou por apoiar o candidato do PSdeG, que se converte en alcalde. En Padrón gobernará o PP en minoría, con 5 dos 13 concelleiros. E en Coristanco, o rexedor será de Terra Galega, co apoio do PSdeG.
Os concelleiros da Marea Atlántica prometen "poñer o Concello aos servizos dos coruñeses e coruñesas" e "por imperativo legal" lealdade ao Rei. Todos prometen "tamén" cumprir "o programa e o código ético da Marea e os principios de transparencia e participación cidadá"
Lara Méndez é xa a primeira alcaldesa da historia de Lugo. No seu discurso agradece o apoio e lembra a López Orozco.
Ás 11 horas comezará a toma de posesión da nova corporación municipal da Coruña e a investidura de Xulio Ferreiro como alcalde. Pódese seguir en directo en streaming.
Ringleiras de xente agardan xa á entrada do Concello da Coruña para acceder á investidura de Xulio Ferreiro
Un bo número de concellos manterán a incógnita sobre a súa cor política ata o final, ante a falta de acordo entre as distintas forzas. Entre eles, Sarria, Foz, Mugardos, Oia, Viana do Bolo, Baños de Molgas, Ourol ou Ramirás
1.2 millóns de galegos e galegas mudarán este sábado de alcalde ou alcaldesa. Sober, ás doce das noite, volveu ser o primeiro concello de toda España en constituírse.