O detido pola morte de Laura Luelmo en Andalucía confesa o asasinato. Está a contalo eldiario.es (Imaxe: Mobilización contra a violencia machista, o pasado 25N -Gz Contrainfo-).
Fálase
A Mesa do Congreso aproba tramitar o traspaso da AP-9 pola vía rápida coa única oposición de Ciudadanos, que votou en contra da tramitación urxente que solicitou En Marea. Os de Rivera xa optaran pola abstención no debate de toma en consideración da lei galega alegando que a AP-9 conecta con Portugal, o cal non é certo. Recólleo Faro de Vigo.
O pleno do Parlamento aproba os Orzamentos de 2019 cos votos do PP. Podes repasar aquí as principais cifras das contas públicas do vindeiro ano.
Carlos Meixide gaña o premio de novela Camiño de Santiago coa súa obra Camiños de paixón, que será editada por Galaxia.
A Zona Franca de Vigo, controlada agora polo PSOE, aproba mercarlle ao Concello por 5,6 millóns o edificio do antigo Reitorado, ao que trasladará a súa sede. Varias administracións intentaron nas últimas décadas obter máis visibilidade grazas a ese edificio, cuxo despacho principal fora amoblado pola daquela alcaldesa popular Corina Porro entre críticas de desbalde dos socialistas.
O PP pregunta no Congreso se o Goberno de Pedro Sánchez "respecta as tradicións de nadal dos españois" e mais sobre touradas e caza. (Imaxe: PP)
Abel Caballero estuda manter o alumeado de Nadal de Vigo tamén en xaneiro a petición dos empresarios da cidade. O gasto por habitante en luces duplica o das restantes cidades galegas. (Imaxe: Miguel Blanco Arango en VINTE)
Os Premios Manuel Beiras ás empresas que traballan en galego recoñecen na súa edición de 2018 a Leite Noso (que comercializa Deleite), Construcións Alvite González e a Evaristo Rodríguez Carracedo, ex-vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago.
Un obreiro resulta ferido na estación da Alberguería, en Vilar de Barrio, nunha caída nas obras do AVE, que acumulan nove traballadores mortos desde o seu comezo, o último hai dous meses e seis deles nos últimos cinco anos nesa mesma zona de Ourense na que está a construírse a conexión coa Meseta. (Imaxe: Google Street View)