Folga en Iberia. Os pilotos da compañía convocan folga todos os luns e venres desde o 9 de abril ata o 20 de xullo, ambos os dous incluídos. O novo calendario de paros inclúe 28 novas datas e acaba de ser anunciado nunha asemblea na que os pilotos votan o seu apoio á sección sindical.
Fálase
O BNG leva á UE a suba da luz. O Bloque, a través da súa eurodeputada Ana Miranda, solicita á Comisión Europea que promova o desenvolvemento dunha normativa que evite situacións como a que "obriga aos cidadáns do Estado español a pagar a factura de electricidade máis elevada da Unión Europea", xa que os custes por kilovatio son "moi superiores tanto á media comunitaria como á que pagan cidadáns de países cun nivel de renda e niveis salarias máis altos".
Nova xornada de mobilizacións en Atento. Os traballadores continuaron este luns na Coruña coas protestas en contra das reducións de xornada para o persoal do servizo CAT- ADSL, que actualmente xa ten contratos a tempo parcial.
Leo Bassi asegura a través do Facebook que o seu espectáculo en Santiago se celebrará noutro emprazamento. A montaxe, prevista no Teatro Principal, "non estaba subvencionada", subliña o cómico. O alcalde de Santiago argumenta a cancelación sinalando que o italiano lle produce "especial repugnancia".
A Xunta pide ao Banco de España que "non discrimine" a Novagalicia Banco. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, reclamoulle que dea un trato "igualitario, non discriminatorio" a NCG, respecto do que deu a outras entidades estatais. "Novagalicia segue co seu plan de recapitalización e segue a liña que xa seguiu nos últimos meses", aclara.
O Ministerio de Educación inclúe o seu logotipo nun documento da Fundación Faes, que preside José María Aznar, no que se carga contra as competencias autonómicas en materia económica e comercial. Asínao un membro da CEOE. Podedes consultalo aquí.
Montoro anuncia "reformas parciais en grandes impostos". O ministro de Facenda e Administracións Públicas asegura que os Presupostos Xerais do Estado, que se aprobarán o venres, poden incluír "reformas parciais dentro dos grandes impostos" e "contribucións máis equilibradas e mellor ponderadas entre os axentes económicos".
O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, acusa a Blanca Cendán de mentir e asegura que o seu cese se debeu a "cuestións de índole de eficiencia, de xestión, de organización e de actitudes". Engadiu que o seu departamento se negou a cederlle o Salón Teatro aos traballadores das artes escénicas para un acto reivindicativo con motivo do Día do Teatro porque "un teatro é a casa da cultura e da arte" e por iso, debe utilizarse "para o teatro e as exposicións".
O alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, xustifica a cancelación da actuación do cómico Leo Bassi no Teatro Principal da capital galega argumentando que lle produce "especial repugnancia".
Rajoy anuncia en Seúl que os orzamentos que o seu Goberno aprobará este venres reducirán en case o 15% os fondos de cada ministerio, como media. Semanas atrás a previsión era que esa redución fose o 12%. Así mesmo, di que non baixará o sueldo dos funcionarios e que non tocará os impostos de consumo