O TSXG tomba o nomeamento dunha xefa de licenzas do Concello de Santiago na etapa do exalcalde Agustín Hernández. O tribunal advirte "desviación de poder" na decisión do antigo goberno do PP. Vén de adiantalo a Cadena SER.
Fálase
Emigrantes retornados e ex mariñeiros en Noruega manifestáronse esta mañá en Compostela reclamando o seu dereito a pensións dignas. Ambos os dous colectivos decláranse "estafados" por España e polo país nórdico. Foto: Iniciativa pola Unión.
O centro infantil que prohibiu o uso do galego a unha traballadora acúsaa de "falsedad" nun comunicado no que subliña que o seu carácter "privado". A empresa Jungle World di estar a sufrir "persecución sindical" e destaca que "permite incluso" a "utilización" do galego "en ciertas actuaciones de las funciones de fin de curso de los niños". Comunicado íntegro na súa páxina de Facebook.
O PP aprobará unha resolución pola "unidade de España" no debate de política xeral do Parlamento galego. Os conservadores sacarán adiante unha proposta para "defender o autogoberno de Galicia" no "marco constitucional".
Artur Mas acode a declarar polo 9N apoiado por 400 alcaldes soberanistas e 2.500 persoas. A súa declaración coincide co 75º aniversario do fusilamento de Lluís Companys.
Un home de Cariño, de 67 anos e alérxico ás avespas, morre tras unha picada de avespa velutina. Hai unhas semanas máis de 40 concellos demandáronlle á Xunta solucións á praga desta especie invasora.
A Universidade de Vigo vese obrigada a adiar a celebración do seu Claustro, o primeiro que acollía Pontevedra, ao non comparecer o 71% dos seus membros. A xuntanza deberá repetirse nos vindeiros días.
A breve estadía de Stephen Hawking en Galicia -dúas horas aproveitando unha escala en Vigo dun cruceiro- xerou grande expectación. O científico visitou os xardíns do Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, para coñecer a súa riqueza botánica.
O arcebispo de Valencia, Antonio Cañizares, reclama que se poña freo á "invasión de emigrantes e refuxiados", na que ve un "cabalo de Troia" que pon en perigo "a historia e a identidade" de Europa.
A contorna de Laxe sufriu a pasada noite un tremor de terra de 2,5 graos de intensidade, segundo datos do IGN. A pasada semana producírase outro con epicentro no mar fronte á Costa da Morte, nese caso de 3,7 graos.