José María Castellano advirte que a sentenza que obriga a Novagalicia Banco a devolver 7.650 euros a un cliente "estafado" coas preferentes non é a primeira que recibe a entidade. Nunha entrevista, asegura que non recorrerán o ditame e aposta pola arbitraxe como solución.
Fálase
O líder da FPG e membro da Coordinadora Nacional de ANova-Irmandade Nacionalista, Mariano Abalo, aposta por que a nova forza nacionalista poida chegar a acordos con Esquerda Unida. Cóntao Faro de Vigo.
El Mundo leva hoxe na súa primeira páxina, xunto ao conflito das preferentes de Novagalicia, que Telefónica decidiu renovarlle o seu contrato a Iñaki Urdangarín, polo que lle paga 1,5 millóns máis 1,2 en concepto de vivenda. Se o despide, a indemnización será de 4,5 millóns.
A Xunta fai públicos os novos Estatutos da Axencia Galega das Industrias Culturais, que integra o Consorcio Audiovisual. O Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego pasan a ser os departamentos de Produción Teatral e Coreográfica da Agadic, e os estatutos prevén a "designación de novas persoas titulares de ditos departamentos". Podedes consultar o texto íntegro aquí.
Toxo non descarta unha folga xeral e reclama unha mobilización global porque a gravidade dos recortes "desborda" os sindicatos. "A carga de mobilización non pode caer só nos sindicatos, ten que caer no conxunto da sociedade", asegura nunha entrevista en RNE.
A suba do IVE frustra as expectativas de abaratar os libros electrónicos. Cóntao La Información.
O presidente da Generalitat, Artur Mas, admite que existe risco de que Catalunya sexa intervida polo Estado a causa da súa situación económica. En Ara.
A Consellería de Medio Ambiente veta unha mina en Rede Natura que impulsaba a Consellería de Industria e que procedía do Goberno de Fraga. Cóntao El País.
Os recortes seguen a protagonizar as portadas dos diarios impresos. Este luns comparten espazo as protestas do persoal público, a pasada noite en Madrid, e os primeiros efectos colaterais, como o control das contas autonómicas por parte do Estado.
A esta hora unha protesta contra os recortes percorre o centro de Madrid entre unha fortísima presenza policial (foto: @hectorjuanatey)