O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, cualifica a través de twitter de "excéntricos e sectarios" os pactos que impediron gobernos do PP en localidades nas que a formación non obtivo maioría absoluta. A frase vai na liña do comunicado difundido polos populares o venres.
Fálase
Ada Colau convértese en alcaldesa de Barcelona cos votos de BComú, ERC, PSC e un dos edís da CUP.
En Foz o PP manterá o goberno a pesar de que Jorge Castiñeira obtivo o 24M só 5 dos 13 edís en xogo; a falta de entendemento entre PSdeG-PSOE, BNG e Foz Plataforma de Futuro foi determinante. En Mugardos, como xa se anunciara, o PP accede á alcaldía (con só catro concelleiros), ao decidir Iniciativa Cidadá de Mugardos non apoiar a candidata de EU, a máis votada das forzas de esquerda, tras unha polémica consulta aberta na que simpatizantes conservadores puideron decidir o resultado final
Cambados e Muros completan as sorpresas da xornada de investiduras. Na vila do Salnés, a pesar de que xa se daba por seguro un goberno do PP, finalmente a socialista Fátima Abal se converteu en rexedora, co apoio de Somos, BNG e Pode, poñendo fin a 28 anos de alcaldías populares. En Muros, María Xosé Alfonso (CxG) é a nova alcaldesa, grazas aos votos do PSdeG-PSOE, que malia ter máis edís preferiron apoiar a candidata de Compromiso para evitar un goberno popular.
A Garda Civil tivo que escoltar o novo rexedor de Miño, Ricardo Sánchez (CxG), ante a indignación popular que espertou a súa escolla. Os seis concelleiros do PP apoiaron a Sánchez, que o 24M só obtivo un edil e 234 votos, para evitar a alcaldía do PSdeG-PSOE, forza máis votada. Compromiso afirma que non ten ningún tipo de acordo co PP e di que "tendeu sempre e tende a man ao PSOE para reconducir a situación"
Lores (BNG) comeza o seu quinto mandato en Pontevedra "coa ilusión do principiante e coa bagaxe da experiencia". A información sobre o acto de investidura, esta tarde en Praza.
Sarria terá, finalmente, alcaldesa do PSdeG-PSOE. Pilar López desaloxa do poder ao PP, grazas aos votos de CxG e BNG. As dificultades nas conversas mantiveron a incerteza ata o último momento. Tamén haberá cambio de goberno en Baños de Molgas, que terá alcalde do BNG co apoio do PSdeG-PSOE. Pola contra, en Ramirás o PP manterá o poder, ao rexeitar o Bloque apoiar a candidata presentada polos socialistas.
- Noriega promete o cargo como alcalde de Santiago lembrando a Ánxel Casal e a Maruxa e Coralia, represaliadas polo franquismo
Jorge Suárez (Ferrol en Común) convértese en alcalde de Ferrol, cos votos do seu grupo, do PSdeG-PSOE e BNG; PP e C's votaron polos seus candidatos. Tanto o salón de plenos coma a sala anexa habilitada para seguir a toma de posesión enchéronse varios minutos antes do seu comezo. Pódese seguir o acto de investidura en streaming.
- Martiño Noriega xa é o novo alcalde de Santiago tras recibir os votos de Compostela Aberta e o BNG. O PSdeG abstívose e o PP votou por Hernández.