Cambados e Muros completan as sorpresas da xornada de investiduras. Na vila do Salnés, a pesar de que xa se daba por seguro un goberno do PP, finalmente a socialista Fátima Abal se converteu en rexedora, co apoio de Somos, BNG e Pode, poñendo fin a 28 anos de alcaldías populares. En Muros, María Xosé Alfonso (CxG) é a nova alcaldesa, grazas aos votos do PSdeG-PSOE, que malia ter máis edís preferiron apoiar a candidata de Compromiso para evitar un goberno popular.
Fálase
A Garda Civil tivo que escoltar o novo rexedor de Miño, Ricardo Sánchez (CxG), ante a indignación popular que espertou a súa escolla. Os seis concelleiros do PP apoiaron a Sánchez, que o 24M só obtivo un edil e 234 votos, para evitar a alcaldía do PSdeG-PSOE, forza máis votada. Compromiso afirma que non ten ningún tipo de acordo co PP e di que "tendeu sempre e tende a man ao PSOE para reconducir a situación"
Lores (BNG) comeza o seu quinto mandato en Pontevedra "coa ilusión do principiante e coa bagaxe da experiencia". A información sobre o acto de investidura, esta tarde en Praza.
Sarria terá, finalmente, alcaldesa do PSdeG-PSOE. Pilar López desaloxa do poder ao PP, grazas aos votos de CxG e BNG. As dificultades nas conversas mantiveron a incerteza ata o último momento. Tamén haberá cambio de goberno en Baños de Molgas, que terá alcalde do BNG co apoio do PSdeG-PSOE. Pola contra, en Ramirás o PP manterá o poder, ao rexeitar o Bloque apoiar a candidata presentada polos socialistas.
- Noriega promete o cargo como alcalde de Santiago lembrando a Ánxel Casal e a Maruxa e Coralia, represaliadas polo franquismo
Jorge Suárez (Ferrol en Común) convértese en alcalde de Ferrol, cos votos do seu grupo, do PSdeG-PSOE e BNG; PP e C's votaron polos seus candidatos. Tanto o salón de plenos coma a sala anexa habilitada para seguir a toma de posesión enchéronse varios minutos antes do seu comezo. Pódese seguir o acto de investidura en streaming.
- Martiño Noriega xa é o novo alcalde de Santiago tras recibir os votos de Compostela Aberta e o BNG. O PSdeG abstívose e o PP votou por Hernández.
Manuela Carmena (Ahora Madrid) é xa alcaldesa. En Valencia, tamén Joan Ribó (Compromís) foi investido como novo rexedor.
Xulio Ferreiro promete "un tempo novo" na Coruña e no Concello, que "deixa de ser un coto privado" e "pasa a converterse nunha ferramenta ao servizo das persoas e deixa de ser o patio traseiro dos señores da desigualdade". O novo alcalde aposta por "un goberno da xente e unha nova maneira de gobernar". "A praza debe entrar no pazo e o pazo na praza, en todas as prazas", dixo.
Ás 12 comezarán os actos de toma de posesión e investidura en Compostela e Ferrol, onde Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Jorge Suárez (Ferrol en Común) se converterán en alcaldes. A sesión do pleno municipal compostelán pódese seguir en directo neste enlace, o mesmo que a de Ferrol.