Leo Bassi actuará en Santiago. Tras o veto do concello pola "repugnancia" que lle produce ao alcalde, anuncia que o seu espectáculo se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación o 12 de abril.
Fálase
O ministro de Cultura, José Ignacio Wert, anuncia máis axudas para as touradas porque é "un ben cultural" e argumenta que o Goberno de Francia tenta que sexan patrimonio inmaterial da humanidade, algo que o Executivo dese país nega. "“En Catalunya non haberá máis touros, a non ser que veñan coa lexión", dille ERC. Información e vídeo en Público.
O Eurogrupo non ve "necesidade ningunha" de que España recorra ao fondo de rescate para reestruturar a banca. Ademais, cre que o plan do Goberno para obrigar ás entidades a sanear os activos inmobiliaarios tóxicos xa está dando resultados.
O PSdeG presenta unha iniciativa para garantir a supervivencia do Centro Galego de Bos Aires. A histórica institución da emigración galega atópase nunha grave situación económica e con risco e quebra logo de máis de cen anos de historia.
Toxo e Méndez prevén unha participación masiva na folga xeral. Os secretario xerais de UGT e CCOO, respectivamente, sinalan que, no entanto, o éxito do paro dependerá da influencia que teña no Goberno de Mariano Rajoy.
O Goberno galego aprobará un novo proxecto de emprego o mesmo día da folga na súa reunión semanal. O Plan estará dotado con 30 millóns de euros e propón beneficiar a 44.000 galegos en paro e priorizar os concellos do país con máis desempregados. A oposición ve no anuncio "outro titular para chamar a atención".
Feijóo anuncia un plan de fomento do emprego para conseguir 44.000 postos de traballo ao que a Xunta destinará 30 millóns de euros. O PSdeG responde que a contía dese plan supón 680 euros por traballador e ano e pídelle que "deixe de enganar a xente".
Feijóo insiste en botar a culpa do paro en Galicia á herdanza do Goberno de Zapatero. Ante as críticas da oposición, o presidente da Xunta presume no pleno da "solvencia" da comunidade e dille ao PSdeG que "non merece respecto" por apoiar a folga xeral.
O ministro de Industria advirte que o camiño das reformas é "irreversible" pase o que pase coa folga. José Manuel Soria manifestou que, sexa o que for o resultado do paro, as reformas son a única maneira de sentar as bases "dunha recuperación sostida".
A Audiencia Nacional procesa por delictos de "pertenza a organización terrorista, tenencia e transporte de explosivos e falsidade documental" seis presuntos membros de Resistencia Galega: Eduardo Vigo Domínguez, Roberto Rodríguez Fiallega, María Osorio López, Antón García Matos, Antón Santos Pérez e María Asunción Losada Camba. O xuíz Velasco considera estes dous últimos dirixentes do grupo e ordena a súa "busca e captura". O xuíz retíralles a imputación a Jessica Rodríguez e Catalina Alonso Rodríguez.