Representantes da Comisión Europea recibirán esta tarde, a partir das catro, á plataforma de vítimas do Alvia para facilitarlles o acceso ao informe do accidente elaborado pola Axencia Europea Ferroviaria. Unha alegación de última hora do Goberno central atrasou a difusión deste informe ata despois das eleccións do pasado 26 de xuño.
Fálase
A Asemblea francesa aproba por decreto a reforma laboral, despois de que ningún grupo da oposición presentase unha moción de censura contra o Goberno socialista. Valls recorreu unha vez máis ao artigo 49.3 da Constitución para evitar a votación, ante a falta de apoios ao texto.
O número de incidentes xenófobos ou racistas no Reino Unido aumentou un 57% dende a vitoria do Brexit. ONGs sinalan que o racismo latente no país cobrou forza e viuse lexitimado coa campaña realizada para o referendo e polo propio resultado
Sánchez rexeita a oferta de Iglesias para que intente a investidura. Pola contra, a presidenta de Baleares e o catalán Iceta apostan por explorar "outros camiños" para acadar un goberno alternativo ao PP.
Tarde de intensas treboadas en moitos puntos de Galicia. No centro e interior do país rexistráronse xa case 5.000 raios durante a xornada, tal e como recolle Meteogalicia.
Condenado a sete anos e medio de prisión o mozo acusado de colocar un artefacto explosivo na casa consistorial de Baralla. A defensa chegou a un acordo coa Fiscalía, que inicialmente reclamaba 27 anos de cadea.
O Culturgal 2016 xa ten máis da metade do seu espazo reservado. A feira das industrias culturais presentou este mércores en Pontevedra a súa imaxe e lema deste ano, ademais de adiantar algunhas das novidades do certame, que se celebra na cidade en decembro.
ENCE insta o alcalde de Pontevedra a "admitir as súas derrotas" e nega que, como anunciou Lores, a súa prórroga poida ser denunciada ante os tribunais da UE porque é "conforme á lei". Recólleo Pontevedra Viva
Os xornais do grupo La Capital suxiren no seu editorial que a voceira do Concello de Madrid, Rita Maestre, "inaugure" o "día sin bañador". Este grupo edita o Diario de Arousa, o Diario de Bergantiños, El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, que a pasada semana tivo que pedir desculpas pola publicación dun artigo homófobo ante as protestas do seu persoal e do Colexio de Xornalistas.
O Informe Chilcot, presentado esta mañá, conclúe que as informacións sobre a existencia de armas de destrución masiva en Iraq "foron presentadas cunha certeza que non estaba xustificada" e sinala que o Reino Unido participou na invasión "antes de esgotar todas as opcións pacíficas para o desarme". Tamén nega a afirmación de Blair de que era imposible predicir os problemas posteriores á invasión