A dona de Luis Bárcenas, Rosalía Iglesias, quedará en liberdade se paga 200.000 euros de fianza. Así o vén de decretar o tribunal da Gürtel tras condenala a 15 anos de prisión. Está a contalo eldiario.es
Fálase
O Torneo IV Nacións de balonmán feminino disputarase no Porriño o 9 e 10 de xuño coas seleccións de Galicia, Euskadi, Catalunya e Guinea. É a décima edición deste campionato. Os detalles, na web da Federación Galega de Balonmán.
A Assembleia da República de Portugal tomba a despenalización da eutanasia por unha diferenza de cinco votos. Os votos da dereita, con forte influencia da Igrexa católica, e tamén dos comunistas decantaron o resultado final. Crónica no xornal portugués Público e de Anxo Lugilde en La Vanguardia.
O PNV, disposto a apoiar a moción de censura se Pedro Sánchez consegue antes os votos de ERC e PDeCAT. ERC dá por feito o si e PDeCAT sinala que consensuará a súa posición co PNV, aínda que Puigdemont aposta pola abstención.
Torra desbloquea a formación do novo Goberno catalán con incorporacións de consellers cuxo nomeamento o Goberno de España non poida vetar, o que permitiría poñer fin á aplicación do artigo 155.
O comisario europeo de Orzamentos axita a opinión pública de Italia ao expresar a súa esperanza de que "os mercados" dean ao votantes italianos sinais tan "drásticos" que os leven a "non elixir a populistas" nas urnas. Ante a controversia creada coas súas declaracións á Deutsche Welle e as diversas traducións difundidas delas, Günther Oettinger, do partido de Merkel, emitiu un comunicado de desculpas.
A selección de fútbol gaélico presenta a súa nova camisola, que estreará no vindeiro Torneo Europeo de Lorient, onde acudirán os combinados galegos masculino e feminino.
O presidente de RTVE admite que "está nos papeis de Bárcenas", pero esgrime que non figura en "papeis manchados de sangue". José Antonio Sánchez afirmouno durante a súa comparecencia na comisión do Congreso que controla a radiotelevisión pública. Vídeo divulgado por @MujeresRtve.
O alcalde de Becerreá, desaloxado do pleno da Deputación de Lugo polo servizo de seguridade da institución por increpar o presidente, Darío Campos, dende a tribuna do público. Manuel Martínez fora previamente expulsado por reclamar intervir fóra da súa quenda. Cóntao El Progreso
A ministra de Defensa e secretaria xeral do PP sentencia que no PP "non hai ningunha caixa B aínda que o diga un xuíz". Na súa comparecencia na comisión que investiga as finanzasd o partido, De Cospedal ameazou con "querelas" ao PSOE por acusala de mentir. Cóntao eldiario.es