A escena máis actual da música galega, protagonista no Apóstolo 2021

Chicharrón, Verto, Rodrigo Cuevas, Dani, Ladilla Rusa e Boyanka Kostova son algunhas das bandas e artistas que estarán no Apóstolo 2021 CC-BY-NC-SA Praza Pública / Imaxes promocionais das bandas

Por segundo ano consecutivo, as Festas do Apóstolo estarán condicionadas polas restricións da pandemia e neste caso, ademais, quedarán moi lonxe en canto a formato e concorrencia do que o estarían en condicións normais, en pleno Xacobeo. Non obstante, as festas compostelás veñen de avanzar un amplo programa no que destacan varios grupos da escena máis actual da música galega ou ligada con Galicia, ademais de varias bandas e artistas de fóra do país igualmente protagonistas do panorama musical acutal.

Bandas e artistas galegos como Chicharrón, Boyanka Kostova, Verto, Dani, Iván Ferreiro ou Terbutalina destacan xunto a Rodrigo Cuevas ou Ladilla Rusa no programa das festas compostelás, un ano máis adaptadas ás restricións da pandemia e desta volta pregoadas por Cantigas e Agarimos polo seu centenario 

Ao xa anunciado concerto de Luz Casal e a Real Filharmonía de Galicia na Praza do Obradoiro (20 de xullo, 21:30h) engádese unha nómina diversa de grupos e artistas que comezan o día 22 (Alameda, 20h) con Laura Lamontagne & Pico Amperio e continúa nesa mesma xornada (21h, Parque de Galeras) con Dani. O mesmo día 22 (22h, Praza da Quintana) chegará o concerto do asturiano Rodrigo Cuevas, con múltiples ligazóns coa música galega; as máis recentes, as súas colaboracións con Ortiga e Baiuca.

O sábado 24 (20h, Alameda), Secho leva ao Apóstolo o seu Recuperar e ás dez da noite subirán ao escenario da Quintana os históricos Milladoiro. Xa na xornada do Día Nacional, o 25 de xullo, Chicharrón amosa as súas novas músicas no Parque de Galeras (21h) e Pelepau ofrece na Quintana un concerto conxunto coa Banda Municipal de Santiago.

O concelleiro de Festas de Santiago, Gonzalo Muíños, presentando o programa xunto a Manuel Rey e Carlos Salgado, de Cantigas e Agarimos © Concello de Santiago

O luns, día 26, a música galega seguirá tendo protagonista con Momboi (21h, parque de Galeras) e ás dez da noite, na Quintana, será a quenda para os ritmos electrónicos, rumbeiros, pop e transgresores dos cataláns Ladilla Rusa. O martes, día 27, soarán os Néboa no parque de Galeras (21h) e ao día seguinte, no mesmo escenario, estará Xoán Curiel mentres que ás 22h dese mércores 28 pasarán polo escenario da Quintana os Boyanka Kostova e máis Verto. Terbutalina o día 29 (22h, Mazarelos), ou Espiño (21h, Galeras) ou Iván Ferreiro (22h, A Quintana) o día 30 irán achegando ao remate uns concertos do Apóstolo que culminará Peña o día 31 (22:30, Mazarelos)

Todas as actividades agás unha son de balde, pero cumprirá retirar convites que, preferentemente, ofrécense a través da billeteira electrónica das festas

Alén destes concertos o Trad Fest encherá o Parque de Bonaval de ritmos tradicionais o sábado 31 nunhas festas do Apóstolo. Outro parque, o de Eugenio Granell, acollerá un ciclo de cinema con filmes como Bruxerías, Nación, Volando juntos ou Dorothè na vila. Tampouco faltarán citas tradicionais como as Xornadas de Folclore Galego (día 22 ás 21h no Obradoiro). Nestas xornadas unha das protagonistas será a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, á que ademais lle corresponderá a honra de dar o pregón das festas (martes 20, 21.30h, no Obradoiro) polo centenario do seu nacemento.

Segundo informa o Concello de Santiago, todas as actividades do Apóstolo son de balde agás o concerto de Luz Casal, se ben por mor das restricións sanitarias cumprirá retirar convites previamente. Haberá que facelo preferentemente na billeteira electrónica, se ben quedará reservada unha porcentaxe de "arredor do 25%" dos billetes de cada espectáculo ou evento para seren retirados na billeteira do Teatro Principal do 12 ao 31 de xullo, de 17h a 21h. O consistorio compostelán detalla que, na billeteira electrónica, estarán dispoñibles "desde o día 12 de xullo para os espectáculos dos días 20 ao 25 de xullo e desde o día 16 de xullo para os espectáculos dos días 26 ao 31 de xullo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.