Aquí é festivo polo Entroido

Na maior parte de concellos é festivo algún dos días do Entroido CC-BY-NC-SA Montaxe e mapa: Praza.gal | Imaxe cigarróns: © Concello de Verín

Hemeroteca

En 189 concellos é festiva algunha das xornadas entroideiras

Aquí é festivo no Entroido? Velaquí un mapa para resolveres de vez unha das dúbidas máis habituais nestes días de festa. No calendario laboral deste 2026 cando menos unha das xornadas entroideiras é día de non traballar en 189 concellos.

A lexislación permite aos municipios escolleren dous festivos cada ano. Máis da metade elixiron o 17 de febreiro, Martes de Entroido e día non laborable en 167 concellos. Noutros dous -Monfero e Vilarmaior-, o festivo do martes chega tras un luns tamén festivo e en sete (Vilariño de Conso, Cambados, Caldas de Reis, Sarreaus, Noia, Beariz e Porto do Son) o elixido é só o Luns de Entroido.

Como amosa o mapa, o Martes de Entroido é festivo na maioría da provincia de Lugo e tamén na maior parte do territorio administrativamente na provincia coruñesa, mentres que tende a desaparecer ao irmos cara ao sur dende as comarcas de Bergantiños ou Ordes.

No territorio entroideiro por excelencia, Ourense, tamén son maioría os concellos que optan polo martes pero en ata oito é festivo o Mércores de cinza: Viana, Cualedro, Vilardevós, Oímbra, Laza, Monterrei, Verín e Castrelo do Val. Fóra da provincia ourensá, o Mércores de Cinza é festivo na cidade de Pontevedra e mais en Cuntis, Ares, Outes e Fene.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.