Comeza a rodaxe de 'Motel Valkirias', coprodución de Galicia e Portugal que afianza a lingua galega nas plataformas internacionais

Inicio da rodaxe de 'Motel Valkirias' © CTV

 

Este luns comezou a rodaxe de Motel Valkirias, a nova serie de Ghaleb Jaber Martínez, creador de O sabor das margaridas. Trátase dunha coprodución galego-portuguesa, realizada por CTV e a lusa SPi que se gravará orixinalmente combinando as dúas linguas. A serie está escrita polo propio Ghaleb Jaber Martínez e Patrícia Müller, é dirixida por Álex Sampaio e Jorge Queiroga, e será distribuída por Onza Distribution. 

Trátase dunha coprodución galego-portuguesa, realizada por CTV e a lusa SPi que se gravará orixinalmente combinando as dúas linguas

A produción terá distribución en todo o mundo e os seus responsables destacan que "quere converterse na primeira produción deste xénero dunha recoñecida plataforma audiovisual, onde tamén se situará como a primeira serie en galego". Dende hai meses están a levarse a cabo negociacións con HBO, que xa este outono pasado estaban "avanzadas" para que a serie entre a formar parte da oferta da plataforma. 

A produtora SPi traballa habitualmente coa HBO e con outras plataformas internacionais, como Amazon Prime. Nos últimos anos foron varias as series galegas que acadaron un importante éxito nas grandes plataformas de distribución de contidos, como Auga Seca, O sabor das margaridas, El desorden que dejas, Hierro ou La Unidad.

Motel Valkirias é unha coprodución galego-portuguesa © CTV

Trátase dunha dramedia (drama con toques de comedia) que os seus responsables definen como " feminina" e con claro tintes de thriller

Motel Valkirias desenvolverá a súa historia, ambientada nun motel transfronteirizo entre Galicia e Portugal e que parte da pregunta "Que estarías disposto a facer para conseguir máis dun millón de euros?" a través de oito capítulos de 50 minutos de duración. Trátase dunha dramedia (drama con toques de comedia) que os seus responsables definen como " feminina" e con claro tintes de thriller. Na produción participa tamén a Televisión de Galicia (TVG) e a Radio e Televisión de Portugal (RTP), e conta co apoio da Xunta, Deputación de Ourense, Xacobeo 21-22 e Câmara Municipal de Montalegre.

"Xogamos visualmente cun imaxinario colectivo moi recoñecible en calquera parte do mundo: as fronteiras. Todos estes son compoñentes que a converten nunha historia universal”

A sinopse da serie sinala que tres mulleres con problemas económicos e persoais crúzanse de forma fortuíta cun cliente do Motel Valkirias que transporta unha valiosa mercadoría. Así é como Lucía –unha nai separada que foxe de seu home–, Eva –unha actriz en declive– e Carolina –a propietaria do establecemento en bancarrota– se unen para roubar o botín. Pero o que non saben as tres mulleres é que a mercadoría pertence a unha perigosa banda que se dedica a branquear cartos. A serie aposta por caras coñecidas a nivel nacional e internacional como as actrices e actores María Mera, Maria João Bastos, Marina Mota ou Chechu Salgado, entre outros.

Jaber Martínez subliña que se trata dunha historia de “empoderamento feminino e superación persoal” polo valor que amosan as tres protagonistas. “A fazaña destas mulleres, que son quen de rachar co pasado para conquistar o seu futuro, fai que nos sintamos inevitablemente atraídos por elas e identificados coas súas decisións. Ademais xogamos visualmente cun imaxinario colectivo moi recoñecible en calquera parte do mundo: as fronteiras. Todos estes son compoñentes que a converten nunha historia universal”.

Ghaleb Jaber Martínez, showrunner (produtor e guionista) da serie © CTV

A serie “quere seguir exportando ao mundo o potencial de Galicia e Portugal como escenario privilexiado para o desenvolvemento da produción audiovisual"

Motel Valkirias quere converterse nun símbolo de unión entre Galicia e Portugal e nunha mostra da súa paisaxe, da súa arquitectura e da súa cultura. A serie “quere seguir exportando ao mundo o potencial de Galicia, neste caso o da provincia de Ourense, e Portugal como escenario privilexiado para o desenvolvemento da produción audiovisual, tanto pola súa infraestrutura técnica e artística, como polas súas paisaxes e localizacións”, destacan dende CTV.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.