A cociñeira Lucía Freitas sairá este venres, 19 de xullo (21h30) aos balcóns do Pazo de Raxoi para pregoar as Festas do Apóstolo. A chef compostelá, con profundo arraigamento persoal e profesional na súa cidade, porá as palabras que abrirán as festas da capital galega despois dunha foliada popular.
Despois do bo pouso que deixou a experiencia de 2023, o Concello compostelán convida a "escolas de baile e grupos folclóricos e a toda a veciñanza en xeral" a achegárense á praza do Obradoiro unha hora antes, contra as 20h30, para organizaren unha "foliada pregoeira". "Baile e canto colectivo, sen importar a idade, condición física ou experiencia" nun escenario privilexiado.
Ambas citas darán paso ao primeiro concerto das festas, Dakidarría na praza da Quintana (22h15). Un chisco antes, dende as 10, xa estará no escenario da Alameda a orquestra Furia Joven no inicio duns festexos que, pola tarde, quecen motores coa terceira edición da Feira do Vestir de Onte a Hoxe, tamén na Quintana, onde varios obradoiros e tendas amosan como o traxe tradicional se funde coa modernidade.
A Festa Pícara dedica un día enteiro ás nenas e nenos nun programa con forte presenza da música tradicional nas Xornadas de Folclore e o Trad Fest, no que destacan Caamaño & Ameixeiras e Capercaille
O sábado 20 tamén chegará con ben de música coas Xornadas de Folclore Galego (21h, praza da Quintana) para iniciar unha noite que inclúe o espectáculo de drons Sobre as estrelas, organizado co gallo do trixésimo aniversario da rede de Cidades Patrimonio da Humanidade. O domingo, día 21, unha das citas sinaladas é a Festa do Escalo en Chaián, ás beiras do Tambre, e canda ela os actos do Día do Traxe.
O domingo principia tamén a programación do ciclo Compostela Cinema, coas proxeccións de Salta! e O Corno no parque de Eugenio Granell. O martes, día 23, a programación do Apóstolo encara os días grandes coa Festa Pícara, sete horas dedicadas ás nenas e nenos no parque Eugenio Granell con espazos de xogo, obradoiros e, por suposto, moita música con artistas como Magín Blanco, Oviravai ou Pakolas.
O mércores 24, véspera do Día do Apóstolo e do Día Nacional de Galicia, os xigantes e cabezudos percorrerán a zona histórica dende o mediodía e xa pola noite chegarán os Fogos do Apóstolo coa Alameda, a Cidade da Cultura e o Parque de Carlomagno como lugares clave. O propio día 25 porán a música os Señor Salvaje (21h, Parque de Galeras) e a portuguesa Maro (22h, praza da Quintana). O venres, día 26, a Real Filharmonía de Galicia subirá ao escenario da Quintana (21h) e Ailá serán protagonistas no parque de Galeras (21h)
Maro, Mercedes Peón, Antònia Font ou o espectáculo Enredadas destacan tamén no programa musical do Apóstolo 2024
O sábado, día 27, concertos coma os de Carolina Rubirosa (Galeras, 21h) ou a orquestra Platinum (Alameda, 22h) conviven co SUF Santiago Under Fest, que xunta 24 artistas emerxentes na Praza Roxa. O domingo, día 28, Malabesta estarán no parque de Galeras (21h) e o Trad Fest encherá de música tradicional varios puntos da cidade, entre eles o escenario da Quintana con Caamaño e Ameixeiras (21h30) e Capercaille (23h15).
Mercedes Peón, o luns 29 ás 22h na Quintana, ou o concerto do proxecto Enredadas (Uxía Senlle, Ugia Pedreira, Carmen París e Martirio) á mesma hora e no mesmo espazo o martes día 30, son outras das citas sinaladas nunhas festas do Apóstolo que pechan o día 31 co concerto de Antònia Font (22h, Quintana) e os fogos pequenos na Alameda.