Os Reis Magos repartiron ilusión a pesar do temporal

Visita dos Reis Magos a Ribeira este domingo CC-BY-SA Concello de Ribeira

A vista estaba posta no ceo, pero o temporal de vento e choiva e a alerta laranxa na costa de todo o país non venceron os Reis Magos de Oriente, que ao longo da noite pasaron polas casas das galegas e galegos tras visitar as vilas e cidades entre o sábado e o domingo. 

En Lugo os Magos tiñan preparada unha cabalgata que honraba aos nómades, cun espectáculo adicado a aquelas persoas reais ou de ficción que coma Melchor, Gaspar e Baltasar fan da viaxe o seu modo de vida. "Véñenme á memoria grandes expedicións como as 20.000 leguas de viaxe submarino, ou a Volta ao mundo en 80 días, tan ben narradas por Julio Verne nos seus libros. Que importante é ler e que nos acompañe un bo libro nos nosos desprazamentos. Sabemos que é unha das vosas peticións como agasallo nesta noite, pero non deixedes de ler un anaco todos e cada un dos días do ano. Lembrade que ler un libro é como facer unha viaxe na que poden suceder cousas extraordinarias", sinalou Melchor na súa mensaxe para as nenas e nenos. 

A recepción real en Soutomaior CC-BY-SA Concello de Soutomaior

"Lembrade tamén que o importante dunha viaxe, máis alá de chegar ao destino, é desfrutar do camiño, da paisaxe, respectar os costumes dos lugares polos que pasamos, coñecer eses sitios e aprender das persoas que nos atopamos. Respectar as plantas e os animaliños que viven nos lugares que visitamos, observalos sen molestar, non facer nada que poida causarlles  dano. Non hai nada máis fermoso que un lugar habitado por seres vivos diversos!

Hoxe tamén vimos acompañados de submarinos, zeppelíns, grandes animais… porque hai moitos xeitos de facer unha viaxe… o fundamental é ter esa inquedanza de explorar novos mundos, sexan reais ou imaxinarios. Coma sempre foi un pracer pasear polas fermosas rúas de Lugo e ver esas caras ilusionadas da xente máis nova, aínda que tamén vimos algunhas persoas adultas que  andaban máis preocupadas polos caramelos que de desfrutar desta marabillosa caravana.  

Gustaríanos ter, como tivo Phileas Fogg, 80 días para dar a volta ao mundo, pero temos que facelo todo nunha soa noite, así que xa é hora de ir para dentro a escoitar as vosas últimas peticións. Despois iremos casa por casa entregando os agasallos. É moito traballo, pero pracenteiro! Ademais, a Maxia fai que todo resulte máis sinxelo", asegurou Melchor no seu discurso deste domingo en Lugo, na recepción real organizada no Concello.

Os Reis Magos na Coruña este domingo CC-BY-SA Concello da Coruña
Os Reis Magos recibiron en Vigo as chaves da cidade CC-BY-SA @abelcaballero

Este ano os Reis Magos adiantaron a súa visita en lugares como Santiago de Compostela a causa do mal tempo, noutros optaron por recibir a grandes e pequenos a cuberto, como é o caso de Vigo ou Ames. Na Coruña a cabalgata alterou o seu percorrido habitual para protexerse do vento do mar, pero a choiva respectou a súa saída o domingo. En Brión houbo que suspender a cabalgata, pero os Magos recibiron baixo teito e visitaron a residencia de maiores. 

A recepción dos Reis Magos en Mazaricos o día 5 CC-BY-SA Concello de Mazaricos
Cabalgata na Coruña este domingo, co permiso da choiva CC-BY-SA Turismo da Coruña

Non faltaron as lambetadas e os agasallos para as nenas e nenos que acudiron saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar nas súas múltiples recepcións por toda Galicia. Coma sempre, foron moitas as persoas que se achegaron para saudar as súas maxestades, na Coruña un total de 104.000 persoas asistiron este domingo ao percorrido da cabalgata, segundo os datos do Concello. A comitiva real na Coruña estaba composta por máis de 800 persoas repartidas nas diversas carrozas e compañías artísticas. 

Os Reis Magos na súa visita aos nenos e nenas de Ames CC-BY-SA Concello de Ames
A comitiva real en Lugo este domingo CC-BY-SA Concello de Lugo
Os Reis Magos estiveron o sábado en Santiago de Compostela CC-BY-SA Concello de Santiago
En Brión os Reis Magos visitaron a residencia de maiores CC-BY-SA Concello de Brión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.