Toda a costa galega está en alerta laranxa por temporal no mar. A Xunta amplía á Mariña o nivel laranxa de aviso que xa fica activo desde este sábado no litoral da Coruña e nas Rías Baixas [como se observa no mapa CC-BY-SA 112Galicia]. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a madrugada do domingo na Mariña por mar combinada e ondas de ata seis metros con vento do suroeste de forza sete. Camariñas, Vimianzo, Zas, Muxía, Dumbría, Mazaricos, Cee, Fisterra, Corcubión e Carnota tamén teñen o nivel laranxa de alerta activado polas fortes choivas. A costa da Coruña e Pontevedra seguirá en aviso laranxa ata o luns.
