Alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra desde a tarde deste sábado e ata o vindeiro luns. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso contará con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do suroeste con ondas de ata cinco metros. A Xunta suspende todas as actividades deportivas no mar nos concellos afectados e lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa. Aemet tamén informa de precipitacións acumuladas de 80mm en 12 horas no oeste da provincia da Coruña que comezarán na madrugada do domingo, polo que se activa o nivel laranxa de alerta por chuvia.
Durante esta fin de semana tamén estará activa unha alerta amarela por precipitacións de ata 40 milímetros en 12 horas no suroeste da Coruña e rachas de vento de ata 80 quilómetros por hora na Coruña, na Mariña lucense e no interior de Pontevedra. O domingo [como se observa no mapa de Meteogalicia] a alerta por chuvia acadará as zonas das Rías Baixas, do río Miño e do interior da provincia pontevedresa, mentres que o aviso amarelo por vento estenderase ao interior da Coruña e á montaña de Ourense.