Os socialistas inician a elaboración do documento marco para o XV Congreso do PSdeG, que se celebrará entre o 8 e o 9 de marzo, que aspira a recibir as "aportacións" dun amplo abano de persoas expertas e referentes sectoriais "de dentro e de fora do PSdeG" para "traballar por unha Galicia que supere o conformismo e o desleixo na xestión das políticas públicas gris e carente de ideas" dun PP que cualifican como "falto de ambición" e dun presidente da Xunta que, din, afronta o cargo "cos brazos caídos". [📸 CC-BY-SA PSdeG]
Fálase
Alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra desde a tarde deste sábado e ata o vindeiro luns. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso contará con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do suroeste con ondas de ata cinco metros. A Xunta suspende todas as actividades deportivas no mar nos concellos afectados e lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa. Aemet tamén informa de precipitacións acumuladas de 80mm en 12 horas no oeste da provincia da Coruña que comezarán na madrugada do domingo, polo que se activa o nivel laranxa de alerta por chuvia.
Durante esta fin de semana tamén estará activa unha alerta amarela por precipitacións de ata 40 milímetros en 12 horas no suroeste da Coruña e rachas de vento de ata 80 quilómetros por hora na Coruña, na Mariña lucense e no interior de Pontevedra. O domingo [como se observa no mapa de Meteogalicia] a alerta por chuvia acadará as zonas das Rías Baixas, do río Miño e do interior da provincia pontevedresa, mentres que o aviso amarelo por vento estenderase ao interior da Coruña e á montaña de Ourense.
Acto público en Vigo para reclamar un parque público de vivenda este 1 de xaneiro. O colectivo Os Ninguéns comezou o ano visibilizando a "urxencia" habitacional na cidade cunha concentración na praia de Samil "en defensa dos dereitos da veciñanza empobrecida, por un parque público de vivenda social" que rematou cun baño no mar.
Renfe e Talgo dan por arranxada a avaría informática rexistrada este 1 de xaneiro en todos os trens Avril que provocou demoras na maioría das conexións entre Galicia e a Meseta.
🌲 Este 1 de xaneiro, Aninovo, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. A redacción de Praza e a Fundación Praza Pública deséxanvos boas festas e feliz 2025! Deixamos aquí moito para ler e o xoves estamos de volta. Feliz ano!
A mensaxe de Fin de ano da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, agradece o apoio recibido e promete "traballar sen descanso por unha Galiza na que os soños se fagan realidade". Pontón grava o seu vídeo a carón do monumento a Rosalía de Castro na alameda de Compostela.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lanza unha mensaxe de Fin de Ano cociñando un capón de Vilalba e conversando sobre "os problemas da Galicia real e as esperanzas dun 2025 mellor".
A nova concesión de bus entre A Coruña e Lugo, con 8 servizos directos diarios de pouco máis dunha hora de duración, comeza a funcionar o 1 de xaneiro, segundo vén de comunicar a Xunta. O Goberno galego calculara mal a anterior concesión e tivo que convocar un novo concurso no que logrou mellores servizos grazas a achegar máis cartos públicos.
A Xunta publica o reparto das súas axudas a empresas editoras de medios de comunicación, preto de dous millóns de euros neste 2024.
Marcial Dorado aínda vive na mansión da Illa de Arousa que o Estado lle incautou hai nove anos. Narcodiario revela en infoLibre que, malia ser propiedade do Plan Nacional sobre Drogas, a casa do Lagartiño continúa sendo gozada polo narco que compartiu amizade con Feijóo cando o ex-presidente dirixía o Sergas. Mediante sucesivos litixios vén eludindo as ordes de desaloxo imprescindibles para que a propiedade sexa poxada, como está sucedendo con moitos outros dos seus bens. Na imaxe, Dorado entrevistado en laSexta en 2020.
- Nova vida en parcelas incautadas a Marcial Dorado na Illa: vivenda pública, parque e pavillón deportivo
- HEMEROTECA | Feijóo admite agora que Marcial Dorado "era contrabandista" cando principiou a súa amizade
- HEMEROTECA | Dez anos da revelación da amizade de Feijóo e Marcial Dorado: non foron só unhas fotos
- HEMEROTECA | A mansión de Marcial Dorado no centro de Vilagarcía será un centro público para maiores