O BNG e a Fundación Galiza Sempre desenvolverán ao longo deste Ano Castelao unha campaña para reivindicar a figura do ilustre rianxeiro, "non só como artista, escritor ou pensador, senón, sobre todo, como político e referente do nacionalismo galego". Celebrarán a Castelao "na súa totalidade, sen reducionismos e sen intentos de desvirtuar ou manipular o seu pensamento" porque, sinala a responsable de Organización do BNG, Lucía López, o autor de Sempre en Galiza "foi sempre claro e contundente: Galiza é unha nación e ten dereito a decidir libremente o seu destino". A primeira cita da campaña que presentaron este sábado [📸 CC-BY-SA BNG] será a Homenaxe Nacional a Castelao que o BNG desenvolverá en Rianxo o 25 de xaneiro.
