Recuperar o espazo público tamén no monte: Espírito Montuno achega a veciñanza de Pontevedra ao seu "anel verde"

Parque forestal do Pontillón do Castro, en Verducido CC-BY-SA Concello de Pontevedra
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-po2-2898c6e.png

A campaña do Concello de Pontevedra Espírito Montuno busca pór en valor os parques forestais e que a xente da cidade e das parroquias se achegue para desfrutar do seu tempo de lecer no "gran anel verde" que rodea a cidade

Demasiado urbanita para entendelo é un dos lemas de Espírito Montuno, a campaña municipal que aglutina todo o relacionado cos parques forestais de Pontevedra. "Unha pinga máis de todo o traballo que se leva facendo nestes anos", apunta o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña.

"O que queremos é que o monte de Pontevedra se poña en valor facendo deporte e gozando alí do tempo lecer. Ao final, o que buscamos é que o monte teña xente. Se hai xente no monte o normal é que non haxa lumes, pois estará vixiado e controlado", sinala Oubiña.

Desde o Concello de Pontevedra xa perciben un incremento da vontade da xente por participar nas actividades relacionadas co monte, pero tamén por achegarse ao monte e camiñar polas sendas e facer as rutas en bicicleta. "Por vivir o monte", destaca o concelleiro.

Powered by Wikiloc
Ruta de senderismo dos Camiños de pedra en Verducido, no parque forestal do Pontillón do Castro

"Se pensamos o monte como un todo poderemos crear ese gran anel verde do Concello de Pontevedra", defende o concelleiro de Coordinación do Rural

"A filosofía do traballo que facemos desde a concellería de montes é a de poñer en valor os montes do noso Concello e o traballo que se fai desde as comunidades de montes. Neste caso, as accións que estamos levando a cabo serían inasumibles sen a súa colaboración, pois son quen ten a propiedade do monte e lla ceden ao Concello para poder facer esas intervencións", detalla Alberto Oubiña.

O concelleiro de Coordinación do Rural traslada que o traballo realízase por unha banda cos parques forestais e por outra directamente coa mancomunidade e as comunidades de montes: "Imos asinar un convenio coa Mancomunidade para colaborar nos plans de ordenación forestal que as comunidades teñen que presentar. Chegamos á conclusión de que se queremos facer un proxecto que funcione de verdade e teña sentido, temos que facelo conxuntamente para atopar sinerxías entre todas as partes. Se pensamos o monte como un todo poderemos crear ese gran anel verde do Concello, que vai controlar que o monte estea limpo e protexido, que sirva para o ocio, e que ademais protexa as vivendas –tanto das parroquias como da cidade– dos incendios.

Alberto Oubiña lembra que despois dos incendios de 2006, que azoutaron con forza a toda a comarca de Pontevedra e ao Concello, facilitaron unha liña de subvencións –Monte Vivo– que serviu para facer unha serie de plantacións que, agora mesmo, están xa ben medradas. "No parque forestal da Fracha, por exemplo, unha das zonas nas que actuamos para engadila ao parque forestal estaba xa plantada daquela. E agora temos unha plantación de árbores autóctonas que –despois dun traballo constante nos primeiros anos– xa se autorregula", destaca.

A campaña Espírito Montuno emprega unha retranca moi dirixida aos "urbanitas", e "xa empeza a haber urbanitas que se pasan a vivir no monte". "Ao final, o monte é vida, é o espazo que nos renova o aire constantemente e que permite que a vida na Terra sexa posible. Co cal, nós queremos que a xente se achegue e faga cousas polo monte, pero que tamén o goce porque é de todas e de todos", asegura o concelleiro pontevedrés.

Powered by Wikiloc
Ruta para bicicleta de montaña MBT Laranxa no parque forestal da Fracha

"Canta máis xente estea no monte, menos posibilidades de que haxa lumes", di o presidente da comunidade de montes de Tomeza

"Canta máis xente estea no monte, menos posibilidades de que haxa lumes; sempre que sexamos prudentes. Para a xente á que lle gusta incendiar os montes é mellor que non estea baleiro. Ademais, aquí en Tomeza temos un problema con vertidos de lixo e estamos organizándonos para facer uns roteiros e unha plantación de árbores froiteiras porque preferimos que xente veña, pasee e colla unhas froitas. Así é máis complexo para os que van tirar lixo ou prender lume", explica Sebastián Casalderrey, presidente da comunidade de montes de Tomeza.

Tomeza forma parte, xunto ás parroquias de Canicouva e Marcón, do parque forestal da Fracha, que xa conta con rutas para seguir en bicicleta de montaña ou a pé, con espazos para o lecer sinalizados. Así mesmo, conta con catro miradoiros que ofrecen unha vista panorámica do monte e das rías de Pontevedra e Vigo. Toda a zona sufriu unha transformación desde que foi arrasada polo lume en 2006. "Onde está agora o parque forestal ardeu todo", lamenta Casalderrey, quen lembra que "só se puido salvar unha plantación de piñeiros". 

Para Sebastián Casalderrey a pandemia tamén se notou no interese da xente por "desfrutar da natureza" e achegarse aos parques periurbanos de Pontevedra. Como comunidade de montes de reducidas dimensións, conta que a "implicación" do concello é "unha sorte". "Así podemos analizar os terreos e ver que é mellor plantar nun sitio ou noutro. Non podemos vivir só de facer cortas, precisamos proxectos a longo prazo", defende. Ademais, acusa tamén unha falta de relevo xeracional: "A xente maior faise demasiado maior e os máis novos non se queren implicar". 

Aparte do da Fracha, están os parques forestais da Tomba e do Pontillón. Ao da Tomba chégase a pé desde diferentes puntos da cidade, como a Ponte do Burgo, pasando pola Xunqueira da Gándara, o vial de servizo da autoestrada e os núcleos do Ribeiro e O Casal de Rei (Campañó). Nesta zona, existen vestixios de antigos muíños de pedra empregados no seu tempo para a monda da oliva e a extracción do aceite, así como árbores oliveiras centenarias ligadas a pazos e igrexas parroquiais, como é o caso da de Campañó.

Vistas desde o parque forestal da Tomba CC-BY-SA Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.