12 artistas visuais galegas protagonizan a Axenda Feminista 2019

Presentación da Axenda Feminista 2019 en Compostela, hai uns días © Observatorio Mariña Pola Igualdade

O Observatorio Mariña pola Igualdade (OMI) lanza por noveno ano consecutivo a Axenda Feminista, que no 2019 estará protagonizada por unha ducia de artistas visuais galegas.

Busca loitar conta "a invisibilización das mulleres artistas e do seu traballo"

Trátase de Ana Gesto (perfomer e artista visual), Peque Varela (animadora audiovisual e publicitaria), Alicia Puchades (mestra de arte e grabadora), Iria Ribadomar (pintora e debuxante), Andrea Costas (mestra de deseño e imaxe, fotografía, vídeo e performace), Xulia Vicente (ilustradora de banda deseñada), Renata Otero (profesora de arte, artista multidisciplinar e coach), Xoana Almar (pintora, ilustradora e muralista), Carmen P.G. Granxeiro (creativa visual,audiovisual, ilustración, deseño gráfico e fotográfico), Mónica Alonso (artista e investigadora), Uqui Permui (Deseñadora gráfica) e Carme Nogueira (investigadora e artista multidisciplinar).

A edición foi resultado da colaboración entre as propias artistas e un grupo de traballo organizado no marco do OMI. A escolla desta temática xurdiu dunha colaboración entre o Observatorio e a Rede Museística Provincial de Lugo, coa participación no V Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación, "onde se puxo de manifesto a invisibilización das mulleres artistas e do seu traballo". "Pareceunos unha excelente idea achegar o noso gran de área na posta en valor das artistas galegas, a través da axenda feminista", sinalan.

Presentación da Axenda Feminista 2019 en Compostela, hai uns días © Observatorio Mariña pola Igualdade

A portada está formada por unha obra de cada unha das artistas participantes. E no seu interior, as efemérides, están dedicadas exclusivamente á historia da arte feita por mulleres.

Nos últimos anos as mulleres científicas, activistas, ou traballadoras do sector primario foron as protagonistas da axenda

Nos últimos anos as mulleres científicas, activistas, ou traballadoras do sector primario foron as protagonistas da axenda. "Queremos visibilizar mulleres que lle están achegando á sociedade o seu saber, esforzo e experiencia", destacaba hai dous anos Lisa Pérez Vázquez, unha das responsables do Observatorio.

A axenda xa se pode adquirir nos seguintes establecementos de toda Galicia a un prezo de 14 euros: Libraría de Mulleres Lila de Lilith (Santiago de Compostela), Livraría Suevia (A Coruña), Libraría Moito Conto (A Coruña), Libraría Cartafol (Arzúa), Punto e Coma (Carballo), Libraría Trama (Lugo), Bico de Grao (Lugo), Libraría Bahía (Foz), Libraría Nobel (Burela), Libraría Porta da Vila (Viveiro), Casa das Letras (Ribadeo), Ecoespazo Vitriol (Sarria), Aira das Letras (Allariz), Punto e Coma (Ourense), Libraría Paz (Pontevedra) e Libraría Andel (Vigo).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.