27 de febreiro: O mar chega a Compostela

Batea nas rías galegas CC-BY Pepe Martín

Xa hai data. O sábado 27 de febreiro o sector do mar manifestarase en Compostela para protestar contra a política da Xunta neste eido, sobre todo en relación a dous conflitos recentes: o polémico proxecto de Lei de Acuicutura e o reparto de cotas entre o sector do cerco. Estes colectivos (bateeiros, mariscadores e mariñeiros do cerco) están chamados a protagonizar unha marcha que espera reunir a todo o sector, que en Galicia emprega directamente a unhas 20 mil persoas, pero que xera unha cantidade moito maior de postos de traballo indirectos en pequenas industrias e actividade comercial e de servizos e que ten un peso determinante nas economías locais de moitos concellos da costa.

A manifestación terá como lema "Defendamos o mar"

A manifestación terá como lema "Defendamos o mar" e na súa organización xa traballan as confrarías que, de forma unánime, rexeitan a proposta de norma acuícola presentada polo Goberno galego, na que ven un intento de "privatización" do litoral e das rías que busca "beneficiar as multinacionais" en prexuízo dos actuais produtores e produtoras. Denuncian, ademais, que na súa redacción non se dialogou en ningún momento cos máis directos afectados e afectadas.

De nada serviu o anuncio realizado a pasada semana por Núñez Feijoo no Parlamento, onde asegurou que "non imos aprobar esa lei sen ter o respaldo do sector", ofrecendo "diálogo" e a paralización da súa tramitación. De feito, a primeira reacción dos representantes do sector, como Xaquín Rubido (voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) foi a de esixir a completa retirada do proxecto: "Non queremos que paralicen a súa tramitación, queremos que retiren o proxecto. Unha vez que o proxecto estea retirado, podemos dialogar". En realidade, o paso atrás dado polo presidente da Xunta serviu para intensificar as mobilizacións dos colectivos afectados, que se amosaban convencidos de que o cambio de posición dos populares "respondía máis" á preocupación existente no PP ante o crecente malestar social que o proxecto está xerando que a "satisfacer as demandas que os sectores produtivos están poñendo enriba da mesa". Rubido acusaba a Feijoo de pretender "crear unhas falsas expectativas de reforma da lei", buscando "dividir o movemento e debilitalo".

Este mesmo xoves, na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego o PP rexeitou retirar o seu anteproxecto de lei

Este mesmo xoves, na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego o PP rexeitou retirar o seu anteproxecto de lei, como lle pedía unha proposición non de lei presentada por Juan Fajardo (AGE), que recollía as denuncias e demandas do sector, sinalando que a norma "supón poñer en venta o noso litoral", implicando "un perigo medioambiental e laboral". Fajardo dirixiuse ao portavoz de pesca do grupo parlamentar do PP, José Manuel Balseiro, dicíndolle que “en realidade a súa estratexia pasa por facer tempo para gañar, todos sabemos como, a unha parte do sector do mar e poder dicir que contan co consenso necesario para sacar adiante esta norma”. O deputado arousán salientou a publicación o pasado venres no Diario Oficial de Galicia dunha partida económica de 900.000 euros para publicidade e propaganda do sector do mar galego.

O voto negativo dos populares non sorprende: Hai uns días o propio director xeral de Pesca, Juan Maneiro, destacaba que "en ningún momento se falou de retirar a lei de acuicultura". O mesmo que a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, que lles reiterou ás mariscadoras de a pé que a retirada da norma non entraba dentro dos plans do Goberno galego.

O sector está convencido de que o PP, que confiaba no control que exercía sobre as confrarías, decidiu aparcar a posible aprobación desta lei ata a celebración das eleccións

O sector está convencido de que o PP decidiu aparcar a posible aprobación desta lei ata a celebración das elección ao Parlamento galego, previstas para o outono (se non se produce un adianto). O prexuízo electoral que os populares poderían sufrir, sobre todo en moitos concellos do litoral da Coruña e Pontevedra, sería grande, nun momento en que a mobilización social contra esta norma segue crecendo. De feito, os propios concelleiros populares están apoiando as mocións que, tanto en concellos coma na propia Deputación de Pontevedra, esixen a retirada do proxecto. Pódese pensar que o Goberno galego non esperaba atopar un rexeitamento tan unánime no sector a raíz deste asunto, e que confiaba no control que en moitas ocasións exerceu sobre as propias confrarías, nas que -en moitos casos- figuran persoas afíns aos populares. Pola súa banda, Quintana negou en declaracións aos medios que a paralización na tramitación respondese á proximidade dos comicios

Neste contexto, o sector mantén as mobilizacións, que terán a súa primeira gran cita este 27 de febreiro, unha marcha para a que confrarías e asociacións de produtores están buscando o apoio doutras entidades sociais, formacións políticas e sindicais, procurando que a manifestación acade un carácter masivo que amose a forza do rexeitamento a esta norma. Ademais, seguen a organizarse encontros informativos en diversas localidades para amosar as consecuencias do proxecto: este venres será a quenda de Boiro e Redondela.

Intervención de Fajardo, este mércores, na Comisión de Pesca © EU
Batea nas rías galegas CC-BY Pepe Martín
Rosa Quintana, nun encontro co sector © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.