A anulación do permiso ambiental á mineira de Touro en Riotinto lastra o seu plan en Galicia

Mina de Riotinto, en Huelva © Ecologistas en Acción

Un permiso anulado por opaco en Huelva. Un proxecto aínda imposible en Galicia. A mineira chipriota Atalaya Mining leva tres anos extraendo cobre en Riotinto, (Huelva) cunha autorización ambiental mal concedida pola Junta de Andalucía. Tan mal, que a Xustiza acaba de anulala. A decisión dos maxistrados andaluces pon máis lastre ao proxecto que a mesma empresa tenta sacar adiante en Galicia para ampliar o seu negocio do cobre en España. O ditame pon o foco en como se obteñen os permisos para pór en marcha a explotación de mineral.

A Xustiza anulou a autorización ambiental coa que Atalaya leva tres anos extraendo cobre en Riotinto (Huelva)

A reapertura da mina de Touro --que controla Atalaya-- está aínda en proceso de avaliación, pero, polo momento, coa información facilitada pola empresa "non é viable", segundo admitiu a Xunta de Galicia que, ao mesmo tempo, explicou que os trámites aínda están abertos.

A anulación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) que os maxistrados acaban de asinar sobre Riotinto refírese, precisamente, ao proceso de concesión: ocultouse información importante sobre o proxecto ás partes interesadas. Ao tempo, nos últimos días, Augas de Galicia multou con 30.000 euros primeiro e 20.000 despois á mesma mineira por verteduras fluviais non autorizadas. Foi considerada falta leve e a firma aludiu ás "condicións climatolóxicas adversas" que o o organismo dependente da Xunta non aceptou como xustificación. 

Os maxistrados consideran que se ocultou información importante sobre o proxecto ás partes interesadas

Atalaya dixo sobre a súa mina en Riotinto que a decisión xudicial afecta "a cuestións formais de carácter administrativo que desde a perspectiva de Atalaya non teñen ningún efecto sobre as operacións actuais nin futuras da compañía. En ningún caso a sentenza pon en cuestión a xestión das instalacións mineiras e industriais que está a desenvolver".

A sentenza en Andalucía, "deixa nunha situación financeira moi delicada a Atalaya porque os seus ingresos veñen da explotación en Riotinto", opina Antonio Ramos, enxeñeiro e portavoz de Ecologistas en Acción Andalucía, entidade responsable da demanda sobre a que se pronunciou o Tribunal Superior de Xustiza.

Ecologistas en Acción, que foi quen demandou a Atalaya, cre que a sentenza "deixa a empresa nunha situación financeira delicada"

Aínda que Atalaya non contestou a eldiario.es sobre a influencia dun proxecto sobre outro, no seu informe corporativo do segundo trimestre deste ano dicía que "o proceso de autorización de Touro continúa con moi bo progreso para facilitar estudos adicionais solicitados pola administración rexional". Unha visión diferente a ese "inviable" con que cualificaba a Xunta o expediente. A socia de Atalaya, Cobre San Rafael, informou que presentou o 13 de setembro "unha batería de informes" de resposta.

Desde a Plataforma Mina Touro-O Pinon Non consideran "moi positiva e moi boa" a noticia do veto á mina en Riotinto, aínda que lembran que en Huelva os traballos extractivos levaban xa anos. "Aquí está aínda sen autorizar e o que temos que intentar é que nin tan sequera se autorice; o que nos serve o caso de Riotinto é para saber que tipo de artimañas emprega esta empresa de dubidosa credibilidade e con moitas denuncias enriba", lembra en conversa con Praza.gal un colectivo que este domingo colocou dúas pancartas permanentes na praza de Abastos de Compostela. "Porque se queres mercar produtos frescos, naturais e non contaminados tes que defender o medio de todas", explicaron membros da entidade. 

Membros da plataforma contra a mina colocaron dúas pancartas permanentes na praza de Abastos de Compostela / © Mina Touro O Pino Non

"Iso non o van a abrir", insiste contundente Ramos sobre o plan galego de Atalaya. "Alí atopáronse con moita máis oposición social que en Huelva", sentenza. Case 40 concellos da zona declaráronse en contra da mina e grandes mobilizacións chegaron a Santiago para amosar o rexeitamento ao proxecto, aínda que os dous concellos en cuxo chan se desenvolve o proxecto, Touro e O Pino, apóiano. Desde logo, a reapertura de Riotinto (Huelva) en 2015 contou con apoio local. O principal motivo? A promesa de creación de emprego.

"A mina de Touro non a van abrir, alí atoparon moita máis oposición social que en Huelva", di Ecologistas en Acción

Esta esperanza, non completada ao 100%, é o que estivo detrás das protestas estendidas na conca mineira onubense en marzo pasado ao transcender a chegada de operarios portugueses á explotación de Minas de Riotinto. "Ante a polémica pedimos información á empresa mineira", informaba o Concello á vez que incidía en que a relación do consistorio con Atalaya era "magnífica no persoal e no profesional".

Atalaya explicou que todo se trataba dunha operación puntual subcontratada e que, no caso de que se prolongase esa necesidade, "tería preferencia o emprego de persoal natural da conca mineira". Neste sentido, o conselleiro delegado da mina, Alberto Lavandeira, cuantificou o proxecto de Touro en 15 anos de actividade e "polo menos 400 postos de traballo directos".

 

'Boom' da minería

O regreso da minería a xacementos antigos e abandonados en España é un fenómeno do novo boom extractivo en busca de minerais: o aumento da demanda e a suba de prezos asociada converteron en rendibles vetas que se esqueceron cando deixaron de dar beneficios económicos para as operadoras. Así, no caso de Atalaya, o seu obxectivo foi o cobre da faixa pirética andaluza e os filóns galegos.

Sectores económicos cun suposto futuro puxante como a motorización eléctrica do transporte outorgan unha perspectiva esperanzadaora a quen controle o cobre

O prezo internacional do cobre non parou de crecer até xuño deste 2018 cando marcou o seu pico histórico (por riba dos 6.000 euros a tonelada). A batalla comercial a base de aranceis entre China e EEUU tirou para abaixo do prezo, segundo os analistas. Con todo, sectores económicos cun suposto futuro puxante como a motorización eléctrica do transporte outorgan unha perspectiva esperanzadaora a quen controle este metal: os coches eléctricos precisan, de media, tres veces máis cobre que os de combustión.

"Se a Junta quixese podería paralizar preventivamente a actividade de Atalaya Mining en Riotinto", opina Antonio Ramos. O Goberno rexional asegurou que recorrerá a anulación. Segundo as cifras da empresa, a mineira sacou no segundo trimestre de 2018 10.446 toneladas de cobre da curta de Huelva, un 15% máis que no trimestre anterior. Ese ritmo de extracción colma a expectativa da mineira, que prevé sacar unhas 40.000 toneladas en 2018. Un valor de mercado de máis de 200 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.