"A Coruña non se vende". Baixo este lema, centos de persoas volvéronse manifestar este 30 de maio nas rúas coruñesas para rexeitar a "privatización e venda dos peiraos" interiores da cidade unha vez liberados das actividades portuarias, que se trasladan ao porto exterior de Punta Lagosteira. A "titularidade e xestión públicas" dos terreos e un "horizonte portuario" baseado "nos equipamentos, zonas verdes e espazos libres" e mais "usos produtivos non contaminantes, vencellados á economía azul", estiveron no centro das reclamacións fronte ao posible paso a mans privadas e eventuais promocións inmobiliarias.
Que os peiraos exteriores non sexan vendidos cando finalice neles a actividade portuaria volveu estar no centro da mobilización, convocada por Defensa do Común e apoiada por máis de medio cento de colectivos, entre eles forzas políticas como BNG, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños ou Podemos
A mobilización, coa asistencia condicionada pola pandemia, estivo convocada pola Comisión en Defensa do Común e estivo apoiada por máis de sesenta colectivos. Entre eles, formacións políticas locais como a Marea Atlántica ou Alternativa dos Veciños; tamén o BNG local e mais a súa portavoz nacional, Ana Pontón, ou o deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino. A principal reivindicación: que os peiraos interiores da Coruña non sexan vendidos cando sexan desafectados do seu uso portuario e que a cidade poida decidir o futuro da súa fachada marítima, clave no desenvolvemento próximo da urbe.
A manifestación deste domingo lembra á que se celebrou xa en 2017 --na que o daquela alcalde, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), presente na marcha deste domingo, animara á cidadanía a participar e onde se xuntaran unhas 7.000 persoas-- e os convocantes pretenden virar o camiño emprendido pola Xunta, que aposta por vender o peirao de San Diego para construír alí vivendas e poder financiar a débeda que o Porto da Coruña mantén aínda coa Administración central pola construción do porto exterior.

Uns 300 millóns de euros froito das obras de Punta Lagosteira e cuxo maior acredor é o Estado, que continúa sen aceptar unha condonación da débeda --como ocorreu na Comunitat Valenciana-- malia o rexeitamento maioritario á idea inicial pactada para pagala: vender os peiraos interiores para a construción de vivendas. A posibilidade existe mentres non se revisen os convenios asinados en 2004, xa con data de caducidade e sen administración que os reivindique. Polo menos na súa literalidade e previsión de milleiros de pisos.
Pero Núñez Feijóo xa deixou clara a idea do seu goberno: que a zona de Batería e Calvo Sotelo (88.000 metros cadrados) sexa pública mentres San Diego (perto de 380.000) se abra á construción de vivendas. En total, son máis de 46 hectáreas a desafectar nunha cidade de elevada densidade de poboación e evidente falta de zonas verdes. Os terreos do porto que quedarán liberados equivalen ao 1,25% da superficie total do termo municipal coruñés, de menos de 37 quilómetros cadrados.
Entre as alternativas que reivindica Defensa do Común está que sexa o Estado quen asuma a débeda que a Autoridade Portuaria ten pendente polas obras de Punta Lagosteira
Entre as alternativas que reivindica a Comisión en Defensa do Común --ou Marea Atlántica e BNG--, que sexa o Estado quen pague a débeda da Autoridade Portuaria por unha obra, lembran, que foi definida como de "interese xeral". E lograr, así, que San Diego poida ser destinado á "economía do mar", a espazos públicas de lecer e zonas verdes, entre outras posibilidades. As reivindicacións deste domingo dirixíronse á Xunta e ao Goberno de España, mais tamén ao concello.
Desde o goberno local a alcaldesa, Inés Rey, reitera o seu rexeitamento á proposta da Xunta para os peiraos e resalta os avances para atopar "solucións financeiras" á débeda, así como da "conexión ferroviaria" e da "redacción dos protocolos que substitúen os convenios de 2004". En vésperas da mobilización, a rexedora realizou un chamamento á "serenidade e á vontade de diálogo de todas as forzas políticas" para "seguir avanzando na integración do porto na cidade".

Inés Rey: "A maioría das forzas políticas da cidade estamos de acordo en que o porto non está en venda"
Tras os primeiros contactos entre administracións, Rey considera que a "folla de ruta" está "clara", mediante unha "moratoria no pagamento da débeda ata 2035" e co "compromiso de que o tren chegará ao porto exterior". "O debate sobre o futuro do porto debe afrontarse con firmeza, pero dende a tranquilidade de saber que a maioría das forzas políticas da cidade están de acordo en que o porto non está en venda". Nesta liña, sinala, o goberno local vai seguir "defendendo, dende a serenidade e o diálogo", a "posición que ten a maioría" da veciñanza, que pasa por "integrar o porto na cidade, volver gozar das instalacións portuarias e mellorar a mobilidade".