A Coruña, Santiago e Ferrol propoñen incrementar a contía da RISGA e evitar exclusións

Concha Fernández e Silvia Cameán © Concello da Coruña

Os gobernos municipais da Coruña, Compostela e Ferrol presentaron alegacións conxuntas ao proxecto de decreto que desenvolve a Lei de Inclusión Social e que regula a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). Propoñen cambios para "adecuar esta prestación ás necesidades das persoas destinatarias, veciños e veciñas que se atopan en situación ou risco de exclusión social", pois sinalan que na actualidade a renda está "excesivamente condicionada e burocratizada", ten unha contía insuficiente e deixa fóra a moitas persoas que necesitan da axuda. As tres cidades piden “intensificar os esforzos no combate á desigualdade e dar pasos valentes que poñan no centro ás persoas”. A Xunta iniciou nos últimos días de decembro, con tres anos e medio de atraso, a tramitación do decreto que regula a RISGA, un texto que busca solucionar algúns dos problemas de xestión e coordinación que arrasta esta prestación.

Piden incluír "unha necesaria revisión das contías mínimas das prestacións sociais galegas", elevando a cifra de referencia dos actuais 403 euros mensuais ata os 735

As alegacións presentadas pola Coruña, Santiago e Ferrol alertan de que "se as políticas sociais non se fan dende a perspectiva universal corremos o risco non só de que non resulten valoradas, senón que supoñan un enfrontamento pola disputa dos recursos das clases baixas ou medio baixas, cos colectivos en situación de pobreza". O texto formula emendas ao proxecto de decreto da Xunta, encamiñadas, entre outras cuestións, a incluír "unha necesaria revisión das contías mínimas das prestacións sociais galegas". Neste senso, Silvia Cameán -concelleira de Xustiza Social e Coidados na Coruña- sinala que a contía das prestacións debería ser acorde co Salario Mínimo Interprofesional (735,90€), mentres que na actualidade a RISGA ten como contía de referencia o 75 % do IPREM (403,38 euros).

De igual xeito, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde de Santiago de Compostela, Concha Fernández, denuncia que a RISGA "é excluínte non só coas persoas migrantes irregulares, senón tamén coas persoas irregulares sobrevidas" e critica que a prestación está "excesivamente condicionada e burocratizada" e que "por iso non chega a quen necesita nin coa axilidade que requiren as situacións de risco". Isto obriga a que os concellos impulsen mecanismos propios que cheguen ás persoas ás que non chega a Risga, "a pesar de que no local non ostentamos ditas competencias", sinala Fernández.

A prestación está "excesivamente condicionada e burocratizada" e "por iso non chega a quen necesita nin coa axilidade que requiren as situacións de risco"

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Muller, Mocidade e Igualdade de Ferrol, Saínza Ruíz, advirte da exclusión das persoas que cobran unha pensión de escasa contía, que se atopan en situación de gran necesidade, pero que non poden cobrar a RISGA. "Tal e como está redactado, a RISGA e as pensións non contributivas son incompatibles, algo co que non estamos dacordo xa que as persoas con estas pensións están nunha situación de precariedade absoluta e cun salario por debaixo do SMI que só adoita abondar para cubrir gastos de alimentación". "Non podemos tolerar que sexa incompatible coa RISGA, xa que estarían deixando novamente aos pensionistas nunha situación precaria e moi lonxe da situación doutras pensións galegas", engadiu. Ruíz criticou igualmente que "este decreto está feito dun xeito unilateral pola Xunta de Galicia sen contar co Colexio Profesional de Traballo Social, sen participación social e sen ter en conta aos concellos galegos, que son os que van realmente fan o traballo dende os servizos sociais".

"Este decreto está feito dun xeito unilateral pola Xunta de Galicia sen contar co Colexio Profesional de Traballo Social, sen participación social e sen ter en conta aos concellos galegos"

O informe coas alegacións avalía tamén os criterios xerais para o caso específico das prestacións económicas para a atención das persoas en situación de dependencia, en concreto no relativo ás persoas beneficiarias da Risga que, ao tempo, perciben libranza para coidados no ámbito familiar, e ás que o decreto da Xunta aplica a regra da compatibilidade e a dedución destes ingresos. As tres administracións locais alertan de que descontar as libranzas de coidado "significa non recoñecer economicamente (e socialmente) os traballos de coidado de persoas dependentes e afonda na fenda salarial que sofren as mulleres coidadoras".

 

Concha Fernández e Silvia Cameán © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.