A discriminación do galego e dos seus falantes chegou xa á ONU

A ELEN presenta o informe sobre discriminación lingüística Dominio Público @amesanl

A discriminación que sofre o galego en Galicia e no Estado foi explicada este mércores na ONU. A delegación de ELEN (European Language Equality Network) foi a encargada de presentar un informe na sede das Nacións Unidas en Xenebra, no marco da segunda Revisión Periódica Universal sobre o respecto dos dereitos humanos en España. 

Precisamente, e na sesión previa na que o Goberno español fixo balance do seu avance no ámbito dos dereitos humanos ante o Consello da ONU, o representante do Executivo non fixo referencia ningunha á situación das linguas diferentes ao castelán, algo que Natxo Badenas, de Escola Valenciana, e Ferran Suay (Acció Cultural del País Valencià ­ ACPV) recriminaron tras chamar a atención sobre a necesidade de incluír nestes informes estatais a vulneración de dereitos lingüísticos.

A ELEN recriminou ao Goberno central que non fixese alusión á situación das linguas no seu relatorio sobre a situación dos dereitos humanos

Sobre estas vulneracións si falaron os representantes da ELEN (Rede Europea pola Igualdade Lingüística), entre os que se incluía Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que fixo un repaso do informe presentado ante a ONU sobre diferentes discriminacións que os galegofalantes sofren no seu propio país. Nelas inclúense casos como as demoras en operacións médicas por solicitar a autorización en lingua galega, as denegacións de bolsas predoutorais por presentar o título universitario en galego ou as ameazas en probas de oposicións por empregar o idioma propio.

"O galego ten dereitos xurídicos recoñecidos mais na práctica non se poden exercer en plenitude", destacou Maceira na sede das Nacións Unidas, tras aludir tamén ao retroceso que a política lingüística aplicada pola Xunta de Núñez Feijóo, nomeadamente no ámbito do ensino, está a provocar no uso da lingua propia. Así, o presidente da Mesa destacou que o polémico decreto do plurilingüismo é "tremendamente lesivo" para a saúde do idioma.

"O galego ten dereitos xurídicos recoñecidos mais na práctica non se poden exercer en plenitude", aclarou Maceira na ONU

En canto a outras formas de vulneración de dereitos, Maceira tamén recordou que "hai atestados policiais en Galiza onde se fai referencia ao 'acento gallego", o que definiu como "un exemplo máis de discriminación". Precisamente, no informe que fai referencia tamén ao catalán, o asturiano, o aragonés e o éuscaro, destácase que as autoridades españolas "fomentan ou cando menos toleran abertamente actitudes supremacistas entre o funcionariado e outros axentes públicos".

Ademais, o documento advirte que a xudicatura, a policía, o sistema educativo e a sanidade pública son "permeables a actitudes non igualitarias que acaban traducíndose acotío en comportamentos abusivos e inapropiados". A ELEN conclúe que, logo da gran cantidade de probas detalladas en diferentes áreas, resulta claro que "a discriminación contra as linguas propias diferentes do español é sistémica desde o propio Estado, e que esta discriminación está institucionalizada".

O informe presentado ante as Nacións Unidas cre "sistémica" a discriminación contra as linguas diferentes ao castelán no Estado

Tamén advirte da dificultade e hostilidade que a xustiza española supón para defender os dereitos dos falantes de linguas diferentes ao castelán e enumera unha serie de artigos de diferentes tratados internacionais das Nacións Unidas que "cando menos son violados frecuente e sistematicamente polas autoridades españolas". Máis de quince artigos que serían incumpridos habitualmente.

Na sede da ONU, ademais de Maceira e os representantes de ACPV e da Escola Valenciana, tamén estivo presente a catalá Rosa de les Neus, de Plataforma per la Llengua, que expuxo corenta casos de discriminación lingüística en Catalunya e que destacou que máis do 60% destas vulneracións estudadas viñan das forzas e corpos de seguridade do Estado. Todos eles fixeron un chamamento para a participación na manifestación que Queremos Galego convocou en Compostela o vindeiro 8 de febreiro.

A discriminación do galego chega a Bruxelas

Precisamente, o secretario de Política Europea de Compromiso por Galicia (CxG), Paulo Carlos López, a través da eurodeputada Izaskun Bilbao, presentarán este semana en Bruxelas unha iniciativa destinada a alertar á Comisión Europea sobre o incumprimento de dereitos lingüísticos que de xeito sistemático, se producen no Estado español. A iniciativa baséase no informe que ELEN presentou este mércores ante as Nacións Unidas, “no que se considera que a discriminación contra o galego é sistémica por parte das autoridades estatais”.

CxG presentará unha iniciativa en Bruxelas para alertar á Comisión Europa sobre o incumprimento dso dereitos lingüísticos

CxG destaca que o traballo presentado por ELEN indica que no caso galego "o retroceso experimentado nas políticas de apoio e promoción da nosa lingua por parte da Xunta é grande”, citando tamén que os recortes "teñen no sistema educativo influencia no retroceso do galego".

Marcos Maceira relata a discriminación do galego ante a ONU Dominio Público @irmandadetv
A ELEN presenta o informe sobre discriminación lingüística Dominio Público @amesanl

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.