O negocio de ACS mantense a pleno rendemento en Galicia. Varias empresas da construtora presidida por Florentino Pérez contan cunha importante actividade no país, especialmente a través de servizos municipais externalizados nas principais localidades. A xestión de residuos, limpeza, xardinería, auga ou axuda no fogar son asumidas por compañías desta multinacional, que acumula tantas concesións como denuncias por incumprimentos de contrato, demandas laborais ou conflitos xudicializados que inclúen "estratexias" de presión aos traballadores a través da súa potente maquinaria xurídica. Así o denuncian os sindicatos, que veñen de afrontar a última delas. A Fiscalía e Albada -filial de Urbaser que á súa vez é filial de ACS- solicita penas de prisión para os nove membros do comité de folga do paro convocado na compañía que xestiona a plata de tratamento de residuos de Nostián (A Coruña) en 2013.
Fiscalía e Albada -do grupo ACS- solicitan penas de prisión para o comité de folga e unha fianza de 400.000 euros
Aquela folga durou 108 días e tivo a súa orixe no despedimento de 19 traballadores. A da recollida do lixo en Lugo, hai agora dous anos, rematou con Urbaser cedendo cun novo convenio colectivo e a renuncia ao despedimento de once membros do comité de folga, pero despois da apertura de moreas de expedientes sancionadores e ameazas. Tamén na Coruña, onde a batalla xudicial lanzada por ACS sitúase agora coa Fiscalía asumindo as teses da empresa e solicitando, para os afectados, penas de entre un e dous anos de prisión e o depósito dunha fianza conxunta de 400.000 euros que rematará, de non reunirse os cartos, no embargo das contas dos traballadores.
En plena negociación colectiva, ás centrais sindicais non lles sorprende a actitude das empresas do grupo ACS. Xabier Filgueira, secretario comarcal da CIG na Coruña, ten experiencia dabonda en conflitos con elas. "Todo obedece a unha táctica, a unha estratexia habitual en conflitos longos coma este ou como o que ocorreu co lixo en Lugo", explica.
Os sindicatos acusan as empresas de Florentino Pérez de usar "o conflito" como "estratexia habitual"
Para Sergio López, secretario xeral da Federación de Construción e Servizos de CCOO-Galicia, hai diferenzas entre as empresas de Florentino Pérez "derivadas do sector da construción, que adoitan ter un talante dialogante" e as que se dedican a servizos como limpeza, axuda no fogar ou recollida de lixo. "Neses casos, buscan o conflito e chegar aos extremos", advirte.
Ambos lembran como, no caso de Albada e noutros, a empresa optou pola denuncia masiva a traballadores, demandas por folga ilegal que son desestimadas... "Hai imputados membros do comité de folga que estaban realizando servizos mínimos e aos que se lle atribúen delitos nese momento", explica López, que cualifica de "surrealistas" as actitudes dos representantes legais de Urbaser. "Pero teñen cartos, poder, unha enorme capacidade económica e avogados moi bos; denuncian constantemente e os traballadores acaban pensando que se fan iso nun conflito laboral e con representantes legais, que non farán con eles", insiste.
"O seu enorme poder permítelles facer isto"
"O grupo ACS ten un enorme poder que lle permite facer estas tolerías; non é unha mecánima normal, pero o apoio económico que hai detrás, a súa capacidade... Manteñen continuos litixios abertos e non só cos comités de empresa, senón coas propias administracións onde teñen concesións. Non lles importa, é a súa forma de presionar", insiste Filgueira, que coincide con Sergio López en que a súa táctica consiste en "atacar os dereitos dos traballadores e dos seus representantes".
Coa apertura do xuízo oral aos sindicalistas, CCOO, UGT e CIG volveron saír á rúa no medio dunha negociación colectiva que non arrinca. O fsical asume o relatorio que vai xa no escrito de denuncia da empresa. "Temos bastante temor porque están empregando estes traballadores de reféns; é unha ateaque ao dereito de folga e unha advertencia".
"Intentan meter medo, presionar e rebentar as protestas. Viven do conflito e polo conflito"
"Intentan meter medo e temor; as actitudes do grupo ACS naqueles sectores que se mobilizaron son así: xera tensións, atrancos nas negociacións... É todo un intento de presionar ou de rebentar as protestas, pero Urbaser tamén ten denunciado ao Consorcio das Mariñas e a administracións por cantidades millonarias. Viven do conflito e polo conflito", resume Sergio López.
E os conflitos reprodúcense. O Concello da Coruña vén de expedientar a Clece, outra empresa de Florentino Pérez, por desatender dependentes e incumprir co acordado nos contratos. Antes, Ferrol contemplou con escándalo como Urbaser foi denunciada tras admitir que a súa depuradora do Cabo Prioriño non traballaba malia facturar por facelo durante un ano. E non hai moitos días, o BNG de Betanzos denunciou as condicións laborais do servizo de xardinería que tamén leva unha empresa de ACS.
Urbaser recoñeceu que a súa depuradora en Ferrol non depuraba malia facturar por facelo e Clece foi expedientada na Coruña por desatender dependentes
En Pontevedra, o Concello recoñeceu hai máis de dous anos que tamén Clece, outra filial do grupo de Florentino Pérez, lle facturara 38.000 euros por servizos non prestados logo de que á empresa se lle abrisen varios expedientes. Na Universidade da Coruña hai varias denuncias presentadas á mesma empresa por conflitos laborais.
Non hai moito, en Compostela, a xunta de goberno deu conta dunha sentenza do TSXG que anulaba a adxudicación das escolas infantís de Conxo e Fontiñas a Clece aprobada en 2013 e que chegou cando estaba a punto de expirar a prórroga do contrato coa firma, o que pode supor "unha reclamación patrimonial ao Concello". No verán de 2014, o goberno local do PP abrira expediente á filial do grupo de Florentino Pérez pola xestión das devanditas escolas por incumprimento "grave" das condicións do contrato e tras as múltiples queixas presentadas polos pais dos nenos. O caso quedara nunha mínima sanción de 3.000 euros á firma.
No pasado verán, a Inspección de Traballo, logo dunha demanda de CCOO, cualificara como "grave vulneración dos dereitos fundamentais" a cláusula de subrogación formulada por Clece, adxudicataria do servizo de limpeza do Arsenal Militar de Ferrol. A compañía obrigara ás traballadoras a asinar unha cláusula na que renunciaban expresamente a reclamar á nova empresa as débedas salariais da anteriores.
ACS usou traballadores das obras do AVE como indefinidos e despediunos como temporais
Ademais, en Vigo, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia leva tempo denunciando que esta empresa do grupo ACS, malia as denuncias e problemas que acumula, "leva a metade do orzamento da Concellería de Benestar Social" (máis de 5 millóns de euros) ao xestionar o Pograma de Infancia, o Servizo de Axuda no Fogar e unha parte dos servizos e persoal de Cedro. Non é un caso único en Galicia.
Tamén na construción se lle acumulan os conflitos. O último logo de que o TSXG relatase como Vías y Construcciones, outra filial do grupo, usou traballadores como indefinidos para logo despedilos como temporais. Así, ACS tentaba aproveitarse do deseño fragmentario, aos anacos, que fixo Adif das obras do AVE á Meseta licitando por separado as vías esquerda e dereita.