A Federación Ecoloxista Galega fai 30 anos celebrando as loitas gañadas e as que "foron, canto menos, loitadas"

Faixa da Federación Ecoloxista Galega nunha recente manifestación contra os macroparques eólicos © FEG

No ano 1990 formalizouse a constitución da Federación Ecoloxista Galega, que polo tanto o pasado ano fixo 30 anos de historia, unha longa traxectoria de tres décadas que celebrará este sábado en Compostela cunha xornada que incluirá distintas actividades.

A FEG quere facer desta data un recoñecemento a toda a historia do movemento ecoloxista galego que, a súa vez, "nos sirva para coller folgos nun camiño mais longo se cabe"

A FEG quere facer desta data un recoñecemento a toda a historia do movemento ecoloxista galego que, a súa vez, "nos sirva para coller folgos nun camiño mais longo se cabe". A Federación está formada na actualidade por 16 entidades ecoloxistas de ámbito galego e sobre todo local e comarcal. As principais accións que leva a cabo a FEG son a defensa do territorio, a conservación da biodiversidade, a educación ambiental, a voz nos órganos consultivos da administración, así como accións reivindicativas de loita ambiental.

A Federación sinala que esta xornada de celebración busca "o recoñecemento das persoas e colectivos, das loitas gañadas e tamén das que foron, canto menos, loitadas" e do traballo conxunto entre colectivos de diferentes puntos do país "cun fío común: a ecoloxía".

Cartaz da celebración, que terá lugar este sábado en Compostela © FEG

Isabel Vilalba (SLG), Xoán Doldán (Véspera de Nada), Eme Bañón (Extinction Rebellion) e C. Damián Romay (biólogo) debaterán sobre 'O papel do ecoloxismo na transición ecolóxica e emerxencia climática'

A xornada, no CS Don Bosco, comezará coa presentación do Proxecto Temos Raíces e unha exposición dos principais fitos dos 30 anos de ecoloxía en Galicia, presentado polas persoas que foron coordinadoras da FEG na súa historia. Ademais, proxectarase a serie “30 anos: 30 imaxes de ecoloxía en Galiza” e poderanse ver pósters de campañas históricas da FEG. Despois do xantar e dunha actuación musical a cargo de Zeltia Irevire, terá lugar unha mesa redonda que baixo o título de 'O papel do ecoloxismo na transición ecolóxica e emerxencia climática', reunirá a Isabel Vilalba (SLG), Xoán Doldán (Véspera de Nada), Eme Bañón (Extinction Rebellion) e C. Damián Romay (biólogo).

30+5 anos

Aínda que a FEG constituíuse oficialmente no ano 1990 xa dende cinco anos antes viña xa traballando a Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG), permitindo o traballo conxunto de ADEGA, SGHN e de varias entidades locais e comarcais que se foran creando sobre todo nos anos 80. A AGENG-FEG foi unha coordinadora estable dende ese ano 1990 e no ano 1996 mudou definitivamente o seu nome polo de Federación Ecoloxista Galega.

Aínda que a FEG constituíuse oficialmente no ano 1990 xa dende cinco anos antes viña xa traballando a Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG)

A FEG destaca, ademais das moitas loitas sociais nas que a Federación participou ao longo destes 30 anos, "o labor de sensibilización social e de presión política das asociacións de defensa ambiental galegas", que "está detrás de moitos dos logros ambientais conseguidos en Galicia", como os planos de reciclaxe e compostaxe do lixo dalgúns Concellos, a paralización de numerosos proxectos e actividades ambientalmente agresivos ou a creación de parques naturais como os das Illas Cíes, Fragas do Eume ou Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Mobilización da FEG contra o proxecto de incineradora do Irixo, no ano 2012 © FEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.