O ecoloxismo galego presenta as súas demandas para "un cambio de rumbo urxente" a partir do 12X

Mobilización polo clima en Ourense © Amigos da Terra

A Federación Ecoloxista Galega (FEG), en representación dos colectivos Adega, Adenco, APDR, CES, MEL, Néboa, Papaventos, Vaipolorío, Verdegaia e Amigos da Terra) vén de presentar aos partidos políticos que se presentan ás eleccións autonómicas do vindeiro 12 de xulo as súas "propostas de cambio na xestión pública cara a un modelo máis ecolóxico e sustentábel"

A Federación Ecoloxista Galega presenta aos partidos políticos 12 propostas de "cambio na xestión pública cara a un modelo máis ecolóxico e sustentábel"

Nun detallado documento, e aproveitando o Día do Medio Ambiente, o ecoloxismo galego lembra que a actual situación de crise ambiental global e emerxencia climática e ecolóxica "demanda un cambio de rumbo urxente". "Non deberíamos deixar pasar unha nova oportunidade de construír un país moito máis respectuoso coa natureza e á vangarda da transición ecolóxica", di a FEG, que aposta por afrontar o "enorme reto de promover unha mudanza radical nos diferentes eidos de xestión pública".

Mobilización da plataforma Galiza, un futuro sen carbón © Galiza, un futuro sen carbón

Así, o ecoloxismo galego lembra que o confinamento provocado polo coronavirus "amosou efectos moi positivos para a biodiversidade galega e parámetros de calidade ambiental como a diminución da contaminación atmosférica" e fixo a cidadanía "máis consciente daquelas actividades e accións que contribúen a degradar o medio natural, con forte impacto para a biodiversidade e tamén para a saúde". "O que parecía imposible, agora é posible", advirte a FEG, que chama a "mudar profundamente o noso sistema económico, o noso xeito de pensar e actuar, as nosas prioridades vitais, os nosos valores e o xeito no que nos organizamos e nos mobilizamos como sociedade". 

A primeira demanda é "abandonar o carbón"; a plataforma Galiza, un Futuro sen carbón pide que se apoio o peche da central das Pontes en 2021

Así, a FEG presenta aos partidos 12 propostas "para camiñarmos cara á sustentabilidade". A primeira é clara: "abandonar o carbón", ademais de "reducir o consumo de enerxía e promover a socialización das renovábeis para reducir drasticamente as emisións e acadar a xustiza climática". 

Ademais, e neste mesmo venres, a plataforma Galiza, un Futuro sen carbón, trasladou tamén as súas demandas neste ámbito, aínda máis concretas,  ao reclamar o "apoio á solicitude de peche de Endesa para a central de carbón das Pontes no segundo semestre de 2021 e "rexeitar totalmente a co-combustión de carbón e lodos de depuradora ou calquera outro tipo de residuos orgánicos como alternativa para a continuidade desta central máis alá dese ano". 

Entre as propostas do ecoloxismo galego, ademais, a de "descarbonizar o transporte", con "menos vías de alta capacidade e AVE e máis tren de proximidade". Tamén propoñen "aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa" ou "ordenar a industria extractiva con criterios sociais e ambientais". 

O ecoloxismo galego insiste en "pechar Sogama e promvover a redución, a reutilización e a compostaxe dos residuos urbanos"

A FEG reclama tamén a "defensa da soberanía alimentaria e a aposta por un mundo rural e mariñeiro vivos", así como a "paralización da perda de diversidade natural e a recuperación ods nosos montes. O ecoloxismo galego demanda tamén "unha nova cultura da auga" e o abandono do modelo de residuos "baseado na incineración e o vertedoiro". "Hai que pechar a incineradora de Sogama e promover a redución, a reutilización e a compostaxe dos residuos urbanos". 

Ademais, entre as propostas inclúense o "avance na democracia participativa real e no papel da Educación Ambiental na transformación da sociedade", o impulso dunha "contratación pública e unha reforma fiscal verde" e apostar polo traballo "en liña co ecofeminismo e coidados básicos para a vida, facilitando novos esquemas de xénero ao respecto". 

Por último, a FEG pide que se "fortaleza a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentábel e se promova a coherencia de políticas para o desenvolvemento". 

Alén disto, e tamén co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, o Movemento Galego polo Clima, no que se inclúen moitas das asociacións incluídas na FEG, mobilízase nas sete cidades, ademais de en Vilagarcía de Arouse e Ribeira, ás 20.30 horas "contra a crise climática e social". 

O Movemento Galego polo Clima advirte da "necesidade de reiniciar o sistema con xustiza ambiental e xustiza social". A mobilización será a través da colocación de carteis e corazóns verdes nas fiestras, así como de concentracións nas que se gardarán as medidas de seguridade e distanciamento social necesarias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.