A Flotilla da Liberdade atraca en Galicia para espallar as voces contra o xenocidio en Gaza

O Handala, chegando ao peirao coruñés de Oza, este 27 de xuño de 2024 © @rumboagaza

Baixo o lema 'Pola infancia de Gaza, pola infancia palestina', a tripulación do Handala explica "as consecuencias para toda a poboación da franxa da falta de axuda humanitaria" e urxe a fin dos ataques

O Handala é un barco membro da Flotilla da Liberdade que dende hai anos vén reclamando a fin do bloqueo en Gaza por parte de Israel. O pasado 1 de maio zarpou de Oslo emprendendo unha nova singradura coa intención de dar chegado a Palestina e, mentres, clamar por riba de todo contra a fin do xenocidio da poboación gazatí.

Activistas de diversas procedencias internacionais conforman a tripulación do Handala, que vén atracando en diversos portos europeos para espallar a súa mensaxe. Así o fai tamén en Galicia dende este xoves, cando chegou ao peirao de Oza, na Coruña, explicando, entre outros aspectos, "as consecuencias para toda a poboación da franxa de Gaza da falta de axuda humanitaria" mentres seguen caendo as bombas.

Chegada do Handala á Coruña

Pola infancia de Gaza, pola infancia palestina é o lema da travesía do Handala, que foi recibido na Coruña polo Comité Galego de Benvida á Flotilla da Liberdade na voz do actor e dramaturgo Quico Cadaval. O comité destaca que leva meses "traballando" para colaborar no avance do barco e, ao cabo, impulsar a súa "misión de denuncia do brutal bloqueo de Israel e, dende outubro de 2023, do xenocidio do pobo palestino".

Os representantes da Flotilla foron recibidos no Parlamento polo BNG, que reiterou a esixencia de sancións diplomáticas a Israel. O programa continúa este sábado na Coruña, onde culmina cunha gala solidaria nos Xardíns de Méndez Núñez

Tras a concentración de benvida, a tripulación do Handala ten unha ampla axenda de actos culturais, así como recepcións institucionais e outras actividades reivindicativas. A programación principiou este venres no Parlamento, onde foron recibidos -en privado, sen imaxes públicas- polo seu presidente, Miguel Santalices. 

Xa con publicidade mantiveron unha xuntanza con membros do grupo parlamentario do BNG. Durante o encontro, a formación soberanista reiterou a súa reclamación de "medidas reais para rematar co xenocidio de Israel sobre o pobo palestino", destacando entre elas a "necesidade de sancións diplomáticas" e "romper relacións comerciais", a comezar por "prohibir o comercio de armas" co Estado hebreo.

Recepción á Flotilla da Liberdade polo grupo do BNG no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Senllas recepcións institucionais da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, figuran tamén nun programa e actos que culmina este venres cunha gala poética. Na xornada do sábado serán recibidos tamén polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e pola universidade coruñesa, para finalizar cunha gala artística solidaria organizada por Pallasos en Rebeldía (19h Xardíns Méndez Núñez).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.