“A hipersecuritizacion das fronteiras dos últimos anos aumentou a violencia contra as mulleres migrantes”

Ángeles Ramírez © CC Blanquerna

Este venres finalizou en Pontevedra a XXXVI edición da Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao e dedicada este ano ás Fronteiras. Neste tema afondou o xoves pola noite Ángeles Ramírez, profesora da Universidade Autónoma de Madrid, que no seu relatorio analizou a "Precariedade e a feminización das migracións internacionais". Ramírez ten unha longa experiencia de traballo e investigación coas comunidades musulmás da chamada diáspora islámica, sobre todo na cuestión de xénero. En 2011 publicou La trampa del velo. Los debates sobre el uso del pañuelo musulmán (Catarata).

Na súa intervención, Ramírez alertou de que “a hipersecuritizacion das fronteiras aumenta a violencia contra mulleres” e analizou as dificultades engadidas que as mulleres migrantes teñen que enfrontar nos distintos estadios do proceso: antes de cruzar a fronteira, no tránsito entre un e outro país e, finalmente, no país de acollida. Falamos con ela.

"As mulleres que veñen de África e tentan cruzar o Estreito están sometidas a un grao de violencia aínda maior que o que sofren os homes, sobre todo á violencia sexual"

Como son os procesos migratorios que realizan as mulleres? Que características específicas teñen? Teñen cargas e dificultadres engadidas?

A emigración das mulleres sempre se analizou como un fenómeno dependente da emigración dos homes. Isto ten bastante de mitoloxía, porque nos movementos migratorios que se dan na actualidade, pero xa dende as migracións que se deron nos anos 50 do pasado século había movementos de homes e tamén de mulleres. Entre outras cousas porque en todo o mundo as mulleres foron e son as responsables do sostemento das familias.

E, respondendo á túa pregunta, claro que hai diferenzas. Este é un mundo xenerizado, un mundo no que homes e mulleres teñen distintas relacións de poder e isto ten moitas consecuencias para as persoas que emigran. Por exemplo, as mulleres que veñen de África e tentan cruzar o Estreito están sometidas a un grao de violencia aínda maior que o que sofren os homes, sobre todo á violencia sexual. Ademais, nos últimos anos o proceso de reforzo e de hipersecuritización das fronteiras aínda acrecentou isto, pois fai máis vulnerables aos colectivos máis vulnerables, comezando polas mulleres e os nenos, que sofren agora aínda máis violencia. Estas políticas empurran as persoas migrantes cara aos montes ou cara a campamentos nos que as mulleres sofren máis violencia que noutros lugares. 

"Na poboación musulmá hai formas específicas de violencia institucional que afectan só ás mulleres, como a normativa sobre a vestimenta"

E unha vez que pasan a fronteira e chegan ao seu novo país?

Cando analizamos a realidade das persoas que xa traspasaron a fronteira e buscan saír adiante nun novo país, tamén as mulleres teñen condicións diferentes. Por exemplo, se falamos da poboación musulmá, atopamos que hai formas específicas de violencia institucional que afectan só ás mulleres, como a normativa sobre a vestimenta. Parece que vestir con hijab, ou con calquera cousa que se identifique como musulmán é só penalizable no caso das mulleres.

"As mulleres migrantes deben poñer o corpo nestes procesos"

As mulleres migrantes deben poñer o corpo nestes procesos. Pero ollo, non quero dar a impresión de que as mulleres son débiles, son unhas vítimas que temos que protexer ou que rescatar. Elas son conscientes destes problemas, destes ataques e aínda así seguen emigrando, seguen buscando un futuro mellor e unha vida que mereza ser vivida.

Ángeles Ramírez, este xoves en Pontevedra © Aula Castelao de Filosofía

No debate sobre o uso do velo en espazos públicos ao final a muller queda relegada a ser o obxecto dunha prohibición (en Europa) ou dunha imposición (nos países musulmáns)?

"Cando unha muller musulmá decide levar un pano, unha cidade europea non é un espazo democrático"

Estamos falando de países musulmáns que obrigan as mulleres a vestir dunha determinada maneira e de países europeos que impiden vestir dunha determinada maneira. E a diferenza non é ditadura versus democracia, porque cando unha muller musulmá decide levar un pano, unha cidade europea non é un espazo democrático. A cuestión é que tanto nun lugar coma no outro o corpo da muller está regulado, hai unha violencia sistémica que afecta ás mulleres, ás persoas negras, ás persoas pobres, as restricións xurídicas son cada vez máis grandes.

É España un país racista ou islamófobo? Hai un caldo de cultivo que pode axudar a crecer a partidos como VOX? Ou máis ben son este tipo de forzas os que impoñen de forma interesada estes debates e posicións?

O máis grave que estamos vendo é que os partidos de extrema dereita marcan a axenda das demais forzas. É moi fácil crear un problema para despois regulalo. Iso pasou no ano 2010 en Cataluña, cando o PP comezou a falar do 'problema do hijab' pola presión de Plataforma per Catalunya, pero foi o PP. E a ver o que pasa agora en toda España con VOX. 

"O máis grave que estamos vendo é que os partidos de extrema dereita marcan a axenda das demais forzas"

É un mecanismo moi sinxelo, porque enlaza moi facilmente coas emocións da xente, co medo ao terrorismo. Claro que hai vimbios institucionais para a islamofobia, cando se relaciona o feito de ser musulmán co terrorismo e, ademais, encaixa moi ben coa ideoloxía neoliberal do control das fronteiras, do control do espazo público, de xeración de precariedade... Dende o poder xógase con eses medos: ao que vén de fóra, ao terrorismo, á perda duns determinados valores... e isto manéxase politicamente. Non hai que baixar a garda, claro que podemos enfrontarnos a un futuro de racismo institucional en España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.