A mobilización forza a Xunta a ditar a caducidade da concesión na canteira da Casalonga

Manifestación contra a reapertura da canteira na Casalonga © Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

A Xunta abriu un expediente de caducidade á concesión da empresa Toysal na polémica canteira da Casalonga, onde a firma pretende levar a cabo un plan de restauración co que acumularía residuos logo de que lle fose vetada a planta de refugallos que pretendía inicialmente.

A mobilización da veciñanza, a través da plataforma Casalonga Limpa de Residuos, deu eses froitos, polo menos no que ten que ver con este procedemento administrativo de caducidade que a entidade solicitou na súa última reunión coa Xunta pero que reclamara hai tempo.

A Xunta abre expediente de caducidade logo de que a plataforma veciñal insististe na última reunión en reclamalo

Ante a evidencia de que no espazo da antiga canteira non se estivo a realizar actividade ningunha nos últimos tempos, o Executivo galego iniciou este procedemento ao que Toysal poder presentar alegacións. “É unha nova positiva porque abre unha porta para paralizar o proxecto”, explican desde a plataforma, que aclara tamén que as actividades paralízanse mentres dure o proceso administrativo e que ten “claro” que a Xunta reaccionou polas súas reclamacións. "A batalla non está gañada", avisan. 

Antiga canteira de Casalonga © Habitaq

Foi despois da última xuntanza coa Administración cando o colectivo foi advertido por carta de que non poderá comparecer como parte interesada no proceso levado a cabo pola empresa ao non ter, xustifican, “lexitimidade”. Nesa mesma xuntanza insistiron na apertura dun expediente de caducidade que xa non confiaban que chegase. 

Malia este expediente aberto, a plataforma lembra que a Xunta deu o visto e prace neste mesmo mes ao plan de labores, incluído o permiso para baleirar a lagoa formada na antiga mina, polo que Toysal disporía dos permisos necesarios á espera do definitivo plan de restauración, a cuxo estudio de impacto ambiental se poden presentar alegacións ata o vindeiro 21 de setembro. Porque este plan de restauración é independente da explotación da canteira e de obrigada realización.

O plan de restauración continúa adiante e a plataforma Casalonga Limpa de Residuos chama á veciñanza a facer alegacións masivas

A plataforma fai un chamamento á veciñanza neste mes de setembro para comparecer “de forma masiva” no proceso como persoas individuais ante o veto á entidade, así como a “conseguir miles de alegacións”. Ademais, celebrará unha reunión informativa o vindeiro día 12 para “coordinar” todas estas accións e axudará coas alegacións aos interesados a seguinte fin de semana. 

É o xeito no que se pretende facer esta restauración e a proximidade ás casas o que preocupa á veciñanza dun proxecto que Casalonga Limpa de Residuos ilustra coa recreación do espazo que ocuparía o terreo que se pretende encher de residuos. A Xunta insiste en que se limita a cumprir coa legalidade, pero a plataforma reclama unha modificación da lexislación para impedir que plans coma este, que implican o soterramento e a acumulación toneladas de residuos, non sexan permitidos ao pé de núcleos de poboación.

No caso da Casalonga, o proxecto afecta 56 hectáreas de terreo da canteira, co obxectivo de deixar a zona nun aspecto similar ao anterior da explotación da canteira. No recheo, segundo o proxecto presentado, incluiríanse residuos inertes de minas, outros de fibra de vidro, de materias de construción e demolición, area ou pedras. En principio. Son case 10 millóns de metros cúbicos de refugallos, que serán cubertos por terra vexetal ou tecnosolos. As antigas instalacións mineiras están a uns 300 metros das casas máis achegadas. 

O documento presentado para a avaliación ambiental asume que se prevén efectos adversos como a alteración da calidade do aire polas emisións de gases, pó e partículas, así como afectacións na saúde das persoas por estes problemas ou risco de contaminación artificial das augas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.