A planta de residuos na Casalonga segue a superar trámites na Xunta malia a protesta da veciñanza

Pancarta contra a planta de residuos na Casalonga © Casalonga Limpa de Residuos

A macroplanta de refugallos que a empresa Toysal pretende instalar na Casalonga, a poucos metros de varios núcleos de poboación, segue o seu camiño malia o rexeitamento masivo da veciñanza. A firma viguesa continúa a obter da Xunta os permisos necesarios para o plan de restauración da antiga mina, proxecto alternativo á planta de residuos vetada polo Goberno galego e o Concello de Teo, e co que se pretende encher de diferentes restos o oco deixado pola antiga canteira, segundo denuncia a cidadanía en contra. 

A Xunta deu o visto e prace ao plan de labores e sacará a exposición o plan de restauración, alternativa ideada pola empresa ao vertedoiro que xa foi rexeitado polas administracións

A plataforma Casalonga Limpa de Residuos, que aglutina máis de medio milleiro de veciños, advirte das “malas novas” recibidas nos últimos días tras unha xuntanza con responsables da Xunta. A Administración deu o visto e prace ao plan de labores, incluído o permiso para baleirar a lagoa formada na antiga mina, polo que Toysal dispón dos permisos necesarios á espera do definitivo plan de restauración, que será sacado a exposición pública o vindeiro outono. 

Non é exactamente a restauración o que preocupa na veciñanza, senón o xeito no que se fai e a proximidade ás casas dun proxecto que a Casalonga Limpa de Residuos ilustra coa recreación do espazo que ocuparía o terreo que se pretende encher de residuos e que se pode ver na seguinte fotografía. A Xunta insiste en que se limita a cumprir coa legalidade, pero a plataforma reclama unha modificación da lexislación para impedir que plans coma este, que implican o soterramento e a acumulación toneladas de residuos, non sexan permitidos ao pé de núcleos de poboación. 

Recreación do espazo que ocuparía a zona de residuos na Casalonga © Casalonga Limpa de Residuos

No caso da Casalonga, o proxecto afecta 56 hectáreas de terreo da canteira, co obxectivo de deixar a zona nun aspecto similar ao anterior da explotación da canteira. No recheo, segundo o proxecto presentado, incluiríanse residuos inertes de minas, outros de fibra de vidro, de materias de construción e demolición, area ou pedras. En principio. Son case 10 millóns de metros cúbicos de refugallos, que serán cubertos por terra vexetal ou tecnosolos. As antigas instalacións mineiras están a uns 300 metros das casas máis achegadas. 

O plan de restauración da antiga canteira prevé soterrar 10 millóns de metros cúbicos de refugallos, con efectos advertos para a calidade do aire, ao pé das casas

O documento presentado para a avaliación ambiental asume que se prevén efectos adversos como a alteración da calidade do aire polas emisións de gases, pó e partículas, así como afectacións na saúde das persoas por estes problemas ou risco de contaminación artificial das augas. 

Ante a exposición pública deste plan de restauración, Casalonga Limpa de Residuos prepárase xa para unha presentación masiva de alegacións. “Serán moitas e de moitos veciños”, explica Norma Pillado, unha das voceiras da plataforma, que advirte de que este tipo de proxectos “serven como tapadeira para vertedoiros que, legalmente, non están permitidos”. 

“As restauracións son a tapadeira para montar vertedoiros nas antigas canteiras”, insisten desde a plataforma, que alerta de que este modus operandi é e será habitual noutras antigas minas galegas agora sen actividade, centos delas por todo o país. “Por iso o que pedimos é un cambio lexislativo que impida estas chafulladas”, engaden. Mesmo fontes técnicas das administración recoñecen das problemáticas que estas trampas legais poden crear polas intencións reais das empresas encargadas. 

“As restauracións son a tapadeira para montar vertedoiros nas antigas canteiras”, denuncia a plataforma contra a planta, que aglutina máis de 500 veciños

Ademais, a plataforma lamenta os que considera “atrancos” por parte da Xunta no seu intento por se informar dos pasos que segue Toysal. Segundo denuncia, e logo da última xuntanza coa Administración, o colectivo foi advertido por carta de que non poderá comparecer como parte interesada no proceso levado a cabo pola empresa ao non ter, xustifican, “lexitimidade”. “Á vez que dan facilidades a Toysal, poñen paus nas rodas dos veciños”, di unha das afectadas sobre unha decisión que Casalonga Limpa de Residuos vai recorrer. 

Ante a continuidade do proxecto con pasos firmes, a plataforma convocou xa para este martes unha “reunión de urxencia” de todas as mesas de traballo para, á marxe das alegacións que teñen previsto presentar, preparar outras accións. Tamén solicitaron unha xuntanza co grupo parlamentario do PP para expresarlle a “necesidade” de que se leven a cabo mudanzas lexislativas que impidan este tipo de proxectos en solo rústico e que afectaría a lei do solo, unha demanda que xa levou a cabo a oposición en diferentes ocasións. 

No pasado mes de marzo, unhas 5.000 persoas se manifestaron en Teo contra unha iniciativa considerada “un vertedoiro encuberto no medio de núcleos densamente poboados”. Desde a Consellería de Medio Ambiente insistiuse sempre en que “unha cousa é” o plan de restauración agora previsto “e outra un vertedoiro moi preto das casas e o que iso significaría”. Entre a veciñanza de Teo, o temor mantense intacto. "Só un cambio lexislativo evitaría os problemas derivados da execución de plans de restauración", rematan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.