24 horas de camiñada contra a reapertura da canteira da Casalonga en Teo

Camiñada de protesta na Casalonga © Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

Cidadanía e membros de máis de 40 colectivos integrados na Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, contrarios á conversión dunha canteira nesta zona de Teo nun gran vertedoiro, iniciaron este sábado unha camiñada por un tramo da N-550, por quendas, que rematou este domingo nunha manifestación con case 5.000 persoas e que culminou unha protesta de 24 horas contra este polémico proxecto. 

Veciñanza e colectivos camiñaron por quendas durante 24 horas un tramo da N-550

Ata as doce do mediodía do domingo, no que coimezou a marcha ata a entrada da canteira, os veciños protestaron "por quendas”, tamén de madrugada, contra o proxecto previsto para reiniciar os labores dunha canteira abandonada e contra o que se sitúan tamén todos os grupos políticos do Concello e outros colectivos da comarca que loitan contra problemas medioambientais semellantes. As persoas que participan nesta mobilización percorreron en pequenos grupos un tramo entre dúas rotondas situadas na N-550, perto da Casalonga, unha distancia de medio quilómetro.

“As bucinas dos coches que pasaban pola N-550 e os berros de ánimo non cesaron durante todo o día”, destaca a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, que destaca que “a veciñanza envorcouse nun acto ambicioso e respondendo de xeito exemplar”.

O colectivo destaca que, aínda que finalmente non foi autorizada a instalación dunha planta de biogás en solo rústico, o reinicio da actividade da canteira pode ser utilizado como trampa polos impulsores do proxecto e supor que, coa escusa da súa restauración, se acabe por encher con residuos tóxicos altamente contaminantes.

De feito, advirten de que xa empezaron os traballos para mover terras e esperan que a Xunta de Galicia aprobe un novo plan de restauración que impida a utilización desta canteira como vertedoiro masivo. Polo momento, o Goberno galego non deu resposta á súa solicitude. 

Manifestación contra a reapertura da canteira na Casalonga © Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

Así, case 5.000 persoas remataron esta fin de semana de protestas percorrendo uns mil metros da N-550 á altura da Casalonga para insistir no seu rexeitamento á reapetura da canteira. O presidente da plataforma, Jaime García, agradeceu aos asistentes e organizadores o traballo de máis de 24 horas sen descanso e a 
actriz Mabel Rivera dedicou tamén unhas palabras. 

Outro membro da coordinadora, Marcos Ares, pechou o manifesto recordando as reivindicacións dunha loita á que se uniron tamén a Rede de plataformas Compostela-Ulla-Tambre, con pancartas de diferentes plataformas, como as que loitan en Miramontes, contra a mina de Touro, contra o vertedoiro de Lesta ou pola recuperación do río Sar e contra as diferentes afectacións medioambientais na comarca de Ordes. 

Inicio da protesta de 24 horas na Casalonga © Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.